CULTURA

Zona Alternativa ofrece un ano máis as creacións máis arriscadas das artes escénicas contemporáneas

22/02/2007 A Sala Nasa acolle a oitava edición de Zona Alternativa, un proxecto que pretende ofrecer unha visión actual do panorama das artes escénicas contemporáneas: teatro, música, danzas e derivados). As propostas máis arriscadas e alonxadas do convencional pasarán polo recinto de San Lourenzo, facendo de Compostela un punto de encontro para novos creadores

O proxecto desenvolverase ao longo do mes de marzo, pero conta cunha proposta en febreiro xa en marcha. Trátase de "4.48. Psicose", que representa a nova compañía compostelá Nut Teatro. Cun texto de Sarah Kane, por primeira vez traducida ao galego, a formación presenta unha oferta escénica na que mestura fórmulas teatrais con outras próximas á performance.

Os seguintes en pasar pola Nasa, o xoves 1 de marzo, serán os integrantes da pequena-grande orquestra Cabo San Roque, que tren a súa "Música a máquina: concerto para autómatas e orquestra dirixido por unha lavadora". No seu novo espectáculo, a estrutura corresponde aos movementos marcados polo programa dunha lavadora.

Un día despois chegarán Loscorderos.SC, procedentes de Castellón, coa súa obra de danza "Crónica de José Agarrotado". Austeridade escénica e atmosfera íntima para unha peza que intenta acceder ao mundo dos instintos.

Turno a continuación para Balistic(Mateo Feijóo), con "Mamaíta no soy mala". É un espectáculo de danza e performance en torno á muller. Os textos constrúense a partir de entrevistas que a escritora Maite Dono fai á bailarina, Claudia Faci, sobre momentos da súa vida. A partir deses textos aparecen as imaxes ás que se pon movemento.

Outra das propostas musicais é a de Javier Corcobado, que presentará en Galicia "Editor de sueños". Este artista é un dos máis innovadores e extraños da historia do rock español e leva xa vinte anos no mundo da música. O seu novo traballo contén cancións con sabor a bossa, surf, vals, pop e diversas correntes musicais.

O músico colaborará tamén no espectáculo teatral de Agrio Beso, denominado "Una propuesta suicida de Juan Navarro con Javier Corcobado". Unha aproximación ao universo so suicidio, tomando como referencia os dalgunhas estrelas do rock.

Robótica

Unha das actuacións máis esperadas é a da Marcel.Lí Antúnez, internacionalmente coñecido polas súas performances mecatrónicas e polas súas instalacións robóticas. Fundador de La Fura dels Baus, hoxe é un artista de difícil clasificación. En Santiago representará "Photomembrana", un entorno audiovisual interactivo e distintas interfaces dinámicas.

Os días 23 e 24 de marzo estará na Nasa Atra Bilis, coa súa proposta teatral "Boxeo para células e planetas". Para estas representacións o aforo é reducido e o público asistente debe traer radiografías, medicinas, análises, historias clínicas, etc.

Pechará o proxecto Mercé de Rande, con "Hana-bi (Lumen as flores)". Esta viguesa e curiosa da danza, avalada pola seu recoñecemento en espectáculos internacionais, trae á cidade un espectáculo no que combina baile e performance. A súa presenza compleméntanse cun Obradoiro-audición de creación en danza contemporánea, que se celebrará do 19 ao 24 de marzo no Laboratorio de Movementos, baixo o título "Fiando o caos".

Documentos relacionados



Compartir: