ACCIÓN CULTURAL

Lupe Gómez, gañadora da II edición dos Premios SELIC con "Os caracois de Belvís"

30/12/2019 Lupe Gómez foi a gañadora dos II Premios SELIC de creación literaria na modalidade de poesía, pola súa obra Os caracois de Belvís. As categorías de teatro e narrativa quedaron desertas.

O xurado premiou a obra Os caracois de Belvís, de Lupe Gómez, pola "forma lúcida e delicada, pero non compracente, en que reflexiona, coa vila de Santiago como eixo cordial, sobre os ciclos vitais, imbricando con habelencia o persoal, o comunal e o natural". Considera que o poemario se converte nunha "vía de homenaxe e resgate da Compostela máis xenuína e tamén máis relegada: a popular, a dos barrios e leiras, que acaba conducindo a verdadeiras epifanías".

"Luminosa, certeira e visionaria, a obra destaca pola súa estrutura discontinua e envolvente, pola emotividade da súa dicción, así como polo seu sutil achegamento ao terreo da espiritualidade, tan pouco abordada na nosa tradición poética", conclúe o xurado.

Lupe Gómez
A escritora e xornalista Lupe Gómez (Fisteus, Curtis, 1972) é autora de libros como Pornografía, Fisteus era un mundo, O útero dos cabalos, Azul e estranxeira, Luz e Lupe, Quero bailar, Diario dun bar, Diálogos imposíbeis, A grafía dos mapas ou Camuflaxe. No ano 2004 colaborou co Concello de Santiago, realizando o libro A vida. As bolboretas queren voar, no que aparecen textos seus con fotografías de Javier Iglesias.

Durante moitos anos foi colaboradora do xornal Galicia Hoxe, no que realizou múltiples entrevistas, artigos, críticas de libros, teatro ou música. Participou en recitais poéticos e a súa voz escoitase na Catedral de Santiago, onde é lectora litúrxica dende o ano 2013. Gañou Premios como o Lorenzo Baleirón, o Johán Carballeira, o Premio da Crítica Española e o Premio da Gala do Libro Galego.

A súa obra Camuflaxe apareceu traducida ao inglés por Erín Moure, na editorial estadounidense Circumference Books. Proximamente, os seus libros Pornografía e Camuflaxe aparecerán en Castelán.
Neste ano 2019 publicou o seu epistolario Fosforescencias coa editorial Alvarellos, e vai reeditar Fisteus era un mundo coa editorial Chan da Pólvora.

Sempre estivo namorada de Compostela, onde vive dende hai case trinta anos e onde segue pousando os seus soños, os seus cantares, moi acompañada pola fértil amizade do seu amigo e colaborador artístico, Amancio Prada. Na luz de Belvís atopa un lugar de paz limpa para fortalecer o seu canto.

Dotación e xurado
O Premio SELIC ten unha dotación de 2.500 euros, así como a publicación da obra na colección SELIC que edita o Concello de Santiago.

O xurado que seleccionou a obras gañadora dos II Premios SELIC de creación literaria estivo integrado por Helena Villar, Francisco Macías, Iris Cochón, Eudardo Estévez e Francisco Valeiras.

Compartir: