EDUCACIÓN

Alumnos do IES Rosalía de Castro gañan unha nova edición do premio "Coñecer as cidades patrimonio"

22/02/2007 Un grupo de alumnos de segundo de ESO do Instituto Rosalía de Castro gañou unha nova edición do premio "Coñecer as cidades patrimonio", polo seu traballo "Toledo, cidade de convivencia: onte e hoxe. O papel das mulleres ". Grazas a este recoñecemento poderán viaxar primeiro a Toledo e logo a Segovia, onde exporán o seu proxecto.

A concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, deu a coñecer o fallo do xurado, que valorou o traballo realizado polos alumnos do Rosalía de Castro sobre o papel das mulleres no Toledo medieval. O proxecto inclúe una presentación en texto, en CD e tamén unha pequena obra de teatro. O traballo foi dirixido por María Potel, Rosa Quintáns, Xabier Mouriño e José Arca.

Ademais, houbo unha mención especial para o traballo feito polos alumnos de terceiro de ESO do Colexio Manuel Peleteiro co título "Unha Cidade, un equipo…múltiples posibilidades".

"Coñecer as cidades patrimonio" é un programa que os traballos realizados nas aulas por grupos de escolares dirixidos polos seus profesores sobre un tema determinado, que nesta edición é "As cidades patrimonio: lugares de convivencia". Este ano, a Santiago correspondeulle traballar sobre Toledo, relevando así a Eivissa, a cidade estudada na anterior convocatoria. A cidade coordinadora nesta edición é Segovia.

O grupo gañador, do Rosalía de Castro, recibirá como premio unha estadía na cidade sobre a que realizou o traballo, neste caso Toledo, e a participación no encontro final de Segovia durante o mes de abril. Nesta última cidade, os seleccionados exporán os seus traballos e participarán nun programa de actividades lúdicas e culturais.

Compartir: