PROMOCIÓN ECONÓMICA

Unha xornada analizará o impacto dos programas experimentais de inserción laboral

22/02/2007 O concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, presentou a II Xornada Técnica sobre os programas experimentais de inserción laboral "Claves para a innovación na orientación profesional e laboral nun mundo globalizado". A xornada, que se celebrará o 15 de marzo no Pazo de Congresos, está dirixida a orientadores laborais, persoal técnico, axentes de emprego e desenvolvemento local, titores de inserción, docentes de Formación Profesional, persoal de programas de emprego e estudantes de areas profesionais relacionadas co mundo laboral de toda Galicia.

A xornada ten como obxectivo reflexionar sobre o impacto dos programas experimentais de inserción na aplicación de novas ferramentas e instrumentos en procesos de orientación socio-laboral. Trátase de buscar novos enfoques para a innovación no proceso orientador, na intermediación laboral, na coordinación de axentes orientadores e na inserción laboral nun mercado globalizado.

Esta é a segunda xornada técnica sobre programas experimentais de emprego que organiza a Concellaría de Promoción Económica e Emprego. Na anterior, celebrada o 6 de abril do 2006, participaron 170 técnicos de emprego de toda Galicia.

"Claves para a innovación na orientación profesional e laboral nun mundo globalizado" está deseñada como un espazo de encontro e diálogo entre os diferentes axentes que interveñen na orientación laboral e profesional. Eles definirán as pautas innovadoras a seguir na prestación dos servizos de orientación e intermediación laboral, especialmente a partires das prácticas xeradas nos proxectos experimentais de emprego, como o programa Crear.

O proxecto experimental Crear naceu como un plan integral e personalizado destinado a acadar a inserción laboral das persoas usuarias, que pertencen a colectivos de difícil inserción laboral: mozos, mulleres, desempregados de longa duración, inmigrantes, emigrantes retornados e persoas con algún tipo de discapacidade. Abrangue todos os aspectos a ter en conta no proceso de procura de traballo: a avaliación das capacidades da persoa demandante, a formación, as prácticas en empresas e a intermediación na procura de emprego.

Dende o 1 de xuño de 2006, Promoción Económica está desenvolvendo o Proxecto Crear III. 58 dos 100 participantes xa están insertados laboralmente. 31 deles (o 53%) son mulleres e os outros 27 homes. Está previsto que o programa remate o 31 de maio do 2007.

Documentos relacionados



Compartir: