FESTAS

O concelleiro de Festas destaca a alta participación cidadá no Entroido

22/02/2007 Tras cinco días de festas carnavaleiras, chegou o momento de facer balance. O concelleiro de Festas de Santiago, Xosé Baqueiro, destaca a alta participación cidadá que, aproveitando a tregua que deu o tempo, saíron ás rúas da cidade ataviados cos seus disfraces. Dende o pregón do día 17, no que arredor de 800 persoas deron a benvida ao Entroido deste ano no Toural da man de Mofa e Befa, ata o desfile de carrozas do martes de Entroido, que congregou a preto de 60.000 persoas polas rúas da cidade, os cidadáns participaron destes días de troula.

Baqueiro destaca a gran participación nas dúas festas organizadas na Sala Capitol. Na festa infantil foron "máis de 400 persoas, entre os pais e os nenos, os que se achegaron ata a Sala Capitol para participar no desfile infantil". No baile de máscaras 500 persoas acudiron á sala. Segundo Baqueiro, "este dato é moi significativo, xa que ademais de congregar a 500 persoas disfrazadas, hai tempo que non se facía un baile de máscaras por estas datas".

O día grande destas festas, o martes de Entroido, foron preto de 60.000 persoas as que inundaron as rúas da cidade para dIsfrutar do desfile de carrozas, comparsas e disfraces. Baqueiro sinala que "o tempo quixo acompañar a esta celebración e convidou que a xente saira ás rúas para ver o desfile". Ademais, o concelleiro destaca a alta participación no desfile: trina comparsas e oito carrozas dentro de concurso e outras sete de exhibición. Baqueiro sinala que "para a cantidade de xente que había na rúas non hai que destacar ningún incidente de importancia".

Compartir: