SEGURIDADE CIDADÁ

Traballadoras da limpeza en folga provocan danos en edificios municipais

21/02/2007 A Policía Local de Santiago identificou na pasada noite a dúas traballadoras da empresa ISS, que realiza labores de limpeza para o Concello e que actualmente se atopan en folga, tras realizar pintadas ata en 12 edificios municipais.

Arredor da 1:30 horas da madrugada do mércores 21 de febreiro, unha chamada á Policía Local advertiu da presenza destas dúas traballadoras realizando pintadas nun lateral do edificio da Estación de Autobuses. Os feitos foron postos en coñecemento de todas as dotacións policiais de servizo, que detectaron similares pintadas recén feitas nos seguintes edificios municipais:

- Pabellón de Restollal.
- Local Social de Fontiñas.
- Lateral do Edificio de Bombeiros.
- Nave de Parques e Xardíns no Polígono do Tambre.
- Estadio de Fútbol de San Lázaro.
- Edificio da UMAD.
- Centro Sociocultural de Vite.
- Rúa Costa do Cristo, entrada do Departamento de Tráfico.
- Rúa Trinidade, fachada traseira do Pazo de Raxoi.
- Pabellón de Madeira da rúa Trinidade.
- Rúa Salvador Allende, oficina de Rexistro Municipal e Recadación.
- Centro Sociocultural de Conxo.

Ademais das pintadas, interrumpiron con purín os accesos ás oficinas de Atención ao Cidadán en Galeras.

Axentes da Policía Local procederon a identificar a ámbalas dúas mulleres, que manifestaron ser empregadas da empresa que realiza labores de limpeza para o Concello, salientando que se atopaban en folga, motivo polo que realizaban as pintadas en edificios municipais. Unha das identificadas é a presidenta do Comité de Empresa.

Compartir: