CULTURA

Alban Berg, de novo no programa da Real Filharmonía de Galicia

21/02/2007 A Real Filharmonía de Galicia pecha o mes de febreiro cun concerto no que o respectado Edmon Colomer dirixirá á Real Filharmonía. Nesta ocasión actuará como solista a coprincipal de violíns primeiros da orquestra Anca Smeu. Estará acompañada pola pianista Ilona Timchenko, gañadora de numerosos concursos internacionais, e que xa colaborou coa Real Filharmonía en pasadas ocasións. A cita é o xoves 22 de febreiro.

A RFG estreará unha nova obra de encargo, esta vez composta polo vigués Juan Durán, socio fundador da Academia Galega de Compositores. Ademais, a orquestra interpretará un concerto de Alban Berg para piano, violín e vento, dedicado a Schoenberg e as "Variacións" de Britten, sobre un tema do seu mestre Frank Bridge.
Non é a primeira vez que a RFG encarga unha obra a Juan Durán. Nesta ocasión, a música do compositor vigués trae consigo un sabor galego, xa que nas súas notas musicais pódese advertir desde un maneo ata unha pandeirada.

"Divertimento", que así se chama a nova composición, está estruturada en cinco breves movementos e leva este título en referencia aos divertimentos tan característicos do clasicismo, música directa cunha linguaxe clara que trata de seducir aos intérpretes e ao público. O propio Juan Durán confírmao cando opina que é necesario recuperar na chamada música contemporánea o interese pola mesma, en base a potenciar aqueles elementos da linguaxe musical que a fan "entretida".

Violín

Anca Smeu comezou os estudos de violín aos seis anos de idade na Escola Especial de Música de Bucarest (Romanía) e aos dez anos debutou como solista no Ateneo Rumano. En 1983 gañou o primeiro premio no concurso de violín Città de Stressa (Italia), e o terceiro premio no concurso Jaroslaw Kocian, de Checoslovaquia.
Actualmente é violinista coprincipal (violíns I) na Real Filharmonía de Galicia e profesora de violín e música de cámara na Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago de Compostela.

Piano

A formacion musical de Ilona Timchenko, tamén comezou a unha idade moi temprana, nunha pequena cidade de Crimea, co profesor A. Goliak. Posteriormente perfeccionou a súa técnica en Holanda, en Italia e en Francia. Como compositora, Ilona iniciouse no Festival de Música Moderna de Avignon (Francia), onde estreou o seu Sexteto, que contou cun especial beneplácito por parte da insigne compositora Sofia Gubaidulina.

Gañadora de diferentes prestixiosos galardóns europeos, Ilona Timchenko tamén forma parte do conxunto de cámara Stella, de Santiago de Compostela.

Compartir: