FESTAS

Colectivo Panamera e David Van Bylen amenizarán a festa de fin de ano na praza do Obradoiro

10/12/2019 O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, presentou esta mañá a festa de fin de ano, incluída na programación de Nadal e que novamente terá como epicentro a praza do Obradoiro. Colectivo Panamera e David Van Bylen amenizarán unha velada na que non faltarán as badaladas, as uvas, o cotillón e os fogos artificiais.

A programación deste último día ano xa arrincará pola tarde, cando se celebre unha nova edición da San Silvestre, unha carreira que terá un percorrido urbano con saída e chegada na praza do Obradoiro ás 18:00 horas. "Agardamos un éxito de participación nesta proba, que cada ano vai tendo máis tirón e é un xeito diferente e san de despedir o ano", apuntou o concelleiro.

Cando remate a carreira, levantarase todo o dispositivo na praza e prepararase para vivir a festa de fin de ano, que este ano contará coa actuación de Colectivo Panamera e dun DJ, David Van Bylen, que amenizará a festa ata que cheguen as badaladas. Repartiranse 1.200 bolsas de cotillón e 80 quilos de uvas entre os/as que se acheguen á praza do Obradoiro a vivir a festa.

David Van Bylen
A partir das 23:15 horas estará no escenario o DJ David Van Bylen, que animará a praza ata que cheguen as badaladas. Segundo indicou na rolda de prensa Alberto Alfonso, de Art Music Agency, David Van Bylen é coñecido por ser o cantante da banda dance-rockista Estereotypo, pero tamén por ser un dos DJs, produtores e remesturadores que mellor entenderon, substanciado e interpretado as sinerxias entre o pop e a electrónica.

É recoñecido como o remixer número un e como unha referencia da independencia sónica en España. Grazas a el e aos seus máis de 100 remixes e mashups publicados, a música indie nacional báilase en clubs e festivais. Destaca pola súa mestura de estilos, na que hai lugar para pop, rock, indie, electrónica, disco, funk, soul, house, jazz, hip-hop, electro, etc.

Colectivo Panamera
E despois das badaladas, dos brindes, das uvas e dos fogos artificiais que acompañarán o cambio de ano, será a quenda de Colectivo Panamera. A formación chega a Santiago de Compostela para presentar o seu disco homónimo, publicado o pasado 4 de outubro e que inclúe colaboracións de artistas como Rozalén, Muerdo, El Kanka, Georgina ou Mr. Kilombo. Trátase dun disco no que a cumbia se mestura co rock, o pop e outras músicas.

O directo de Colectivo Panamera é o seu prato forte. Nesta xira, que leva por nome "Te llevo dentro", a formación está percorrendo as principais cidades españolas. Arrincou o pasado 7 de novembro en Madrid, con todas as entradas vendidas na sala Galileo Galilei.

Direccións relacionadas



Compartir: