ACCIÓN CULTURAL

Jamila Purofilin celebra os 500 anos da Habana cun concerto no Teatro Principal

04/12/2019 O Teatro Principal acolle mañá xoves, ás 20:30 horas un concerto de Jamila Purofilin, no que a cantante cubana renderá homenaxe á cidade da Habana no seu 500 aniversario. A entrada é libre.

"A Habana 500 anos. Cidade de cancións" é o título deste concerto, no que Jamila Purofilin estará acompañada por Lino Lores á guitarra e por José Ángel Pérez na percusión. Xuntos recordarannos que a capital cubana é unha cidade de cancións e os seus espazos están cheos de música.

Os espazos da Habana están cheos de música. Ao pasar por eles a un pódeo deter unha rumba de caixón ante un solar, ou unha voz dende un patio de veciños entoando unha vella canción trovadoresca. Se cadra, un Chevrolet dos 50 ao pasar polo teu lado delate un son montuno.

Os mellores músicos cubanos fixeron e divulgaron as súas cancións dende A Habana, e os intérpretes dende aí fixéronse escoitar por toda a illa cara o mundo. Por esta razón, os títulos que Jamila Purofilin interpretará nesta viaxe musical será un relato de por que estas músicas identifican á Habana, sen esquecer unha homenaxe á Habanera, o xénero da cidade, que tan ben se conserva na Península ibérica.

No concerto soarán temas míticos habaneras como "Veinte años" (María Teresa Vera) ou "En La Habana de noche", boleros como "Dos gardenias" (Isolina Carrillo), "Lágrimas negras" (Miguel Matamoros), "Y con tus palabras" (Marta Valdés), "Si me comprendieras" (José Antonio Méndez) ou "Noche cubana" (César Portillo de la Luz), e cancións tan míticas como "Pequeña serenata diurna" (Silvio Rodríguez), "Yolanda" (Pablo Milanés) ou "Es más, te perdono" (Noel Nicola), ademais de sons como "El manisero" (Moisés Simóns), "Son al son" (César Portillo de la Luz) ou "Hoy mi Habana" (José Antonio Quesada).

Compartir: