EDUCACIÓN

Mariann Máray recibiu o XII Premio Compostela de Álbums Ilustrados

27/11/2019 O salón nobre do Concello acolleu a cerimonia de entrega do XII Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, presidida polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo. A ilustradora húngara Mariann Máray recibiu o galardón pola súa obra O can de Milu, que foi seleccionada entre os case 300 traballos presentados a esta edición do certame, procedentes de 24 países.

Do álbum O can de Milu, o xurado destacou a "atrevida aposta plástica, reforzada pola multiplicidade cromática próxima á estética naif e ao mundo da infancia". Tamén resalta a "coherencia do seu discurso narrativo, tanto textual como gráfico".

O amor polos animais, a amizade incondicional ante as adversidades e, sobre todo, a liberdade, son as calidades sobresaíntes na obra distinguida co XII Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados. O can de Milu, de Mariann Máray, é a historia dunha nena e da súa peculiar mascota, que se converte no seu gran compañeiro de xogos e de diversión. Ter un animal de compañía é unha responsabilidade importante: a súa alimentación, a supervisión do seu crecemento e as visitas veterinarias son aspectos que non pasan desapercibidos neste libro.

Tamén destaca a ausencia de prexuízos da protagonista fronte ao rexeitamento doutras persoas -baixo a influencia de estereotipos e convencións sociais- á diversidade: Peluso é "moi especial", como ela mesma expresa con entusiasmo. O intenso e abundante colorido das ilustracións transpórtanos dende o bosque á cidade, pasando polo fogar, coa natureza como destino e espazo de reflexión e de liberdade.

A cerimonioa de entrega do Premio Compostela a Mariann Máray estivo presidida polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e conducida pola responsable do Departamento de Educación, Beatriz Varela. Ademais do rexedor, interviu o xerente de Kalandraka, Xosé Ballestero. A música púxoa o cuarteto de trompas da Escola Municipal de Música.

A autora
Mariann Máray naceu en Hungría en 1978. É graduada en Artes Aplicadas pola Universidade de Moholy-Nagy e especialista en comunicación visual. Estudou lingua e literatura italiana na Universidade de Budapest e traballa como ilustradora de libros para público infantil. Dende 2009 publicou numerosas obras, ademais de participar en exposicións. En 2017 foi seleccionada para a Bienal de Ilustración de Bratislava e para a mostra de ilustración da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña. Nesta última foi finalista do concurso Silent Book 2019.

Aproveitando a estancia en Santiago para recibir o galardón, Mariann Máray, participou este martes nun encontro no CIFP Compostela co alumnado do ciclo superior de Educación Infantil e co alumnado de Artes Gráficas.

Doce edicións
O Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados é un certame convocado dende o ano 2008 polo Departamento de Educación do Concello de Santiago en colaboración coa Editorial Kalandraka, que está dirixido a autores/as e ilustradores/as de todas as nacionalidades. A iniciativa xurdiu no marco da Campaña de Animación á Lectura que este Departamento municipal vén organizando dende 2001, co obxectivo de enxalzar este xénero literario e artístico e proxectar internacionalmente o nome da cidade a través de publicacións de libros de calidade en varias linguas.

Trátase dun dos concursos internacionais con maior dotación económica no seu ámbito de especialización, con 9.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor, e cun significativo nivel de participación nas dez edicións, ao que se engade o prestixio do xurado que avalía as obras presentadas. Kalandraka publica a obra premiada nas cinco linguas oficiais peninsulares -galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués- así como en inglés. A editorial pode publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial.

Kalandraka
Kalandraka realiza un importante labor de recuperación de clásicos universais da literatura infantil e xuvenil. Tamén se abriron ao campo creativo, publicando álbums ilustrados de creación propia segundo criterios de alta calidade estética e literaria nos que os autores e os ilustradores galegos poden dar a coñecer a súa obra. A produción editorial desta firma inclúe libros en galego, castelán, catalán, éuscaro, inglés, italiano e portugués.

A editorial participa activamente nas principais feiras internacionais do libro: Boloña (Italia), Frankfurt (Alemaña), Liber (Madrid/Barcelona), Bos Aires (Arxentina), Guadalajara (México), Book Expo América (EEUU), Beijing e Shanghai (China), Tokyo (Xapón)... No expositor de Kalandraka figuran nun lugar destacado as obras galardoadas co Premio Compostela, que tamén teñen protagonismo na decoración do propio espazo. En torno aos álbums galardoados tamén se organizan actividades: presentacións para editores, libreiros e bibliotecarios; accións de promoción do certame dirixidas a escritores e ilustradores; encontros cos autores das obras premiadas...

Por outra banda, dende hai 19 anos, o Concello de Santiago organiza xunto con Kalandraka unha campaña de animación á lectura na que participan máis de catro mil escolares de Santiago e a súa comarca en, o que reflicte o grande interese que esta proposta didáctica ten para a cidade.

Documentos relacionados



Compartir: