SEGURIDADE CIDADÁ

Entregados os carnés ás novas voluntarias e voluntarios de Protección Civil de Santiago

25/11/2019 O salón nobre do Pazo de Raxoi acolleu o acto de entrega de carnés aos novos 20 voluntarios e voluntarias de Protección Civil de Santiago. A cerimonia estivo presidida polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Recibiron os seus carnés Evaristo Lema López, David Eduardo Casal Pena, Alberto Sabel Vázquez, Isabel del Río Noya, Carmen Landeira Fraga, Roberto Porto Castro, Marcelo Oitavén Fernández, Daniel Guillén Betancor, Javier Rozados Reboredo, Gonzalo Pérez Castiñeiras, Yago Miranda Juncal, Rodrigo Romero López, Lineu Junior Fuentes Gómez, María Cruz Sampedro Antonio, Natalia Rosende Cereijo, María Josefa Padrón Chao, Juan Pampillón Alonso de Velasco, Patricia Otero García, David Sande Rúa e Juan Pablo Buján Méndez.

Lembrou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, a súa presenza no Concello en 1996, cando se creara a Agrupación de Santiago, e mostrou a súa satisfacción porque siga "activa, viva e dinámica". Tamén recordou os grandes retos que tivo que afrontar dende entón, como a visita do Papa ou tres anos santos.

Antes, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, apuntara que "temos a mellor Protección Civil de España: a máis numerosa, a mellor formada e a máis constante". Cara o futuro, indicoulles os seus/súas integrantes que ían "ter un labor importante no Xacobeo". Nese sentido, afirmou que "dende as Administracións imos tentar estar á altura", para así "facer un gran equipo entre todos".

Tamén se uniu á felicitación o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, quen se declarou moi orgulloso "dese labor altruista que ides desempeñar e desa decisión que tomastes de servizo á cidadanía". Ademais, puxo en valor a súa dispoñibilidade e o seu traballo, xa que "formades parte das nosas vidas, aínda que moitas veces non nos decatemos".

Agrupación de Voluntarios de Santiago
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Santiago naceu alá por marzo de 1996, polo que no 2021 celebrará o seu 25 aniversario. Na actualidade está formada por arredor de 50 voluntarios/as de todas as idades, dende os 18 ata os 60 anos, e é ademais unha das que mais mulleres ten.

Os/as voluntarios/as desta Agrupación, buscan proporcionar a protección e asistencia precisas ante calquera tipo de evento, accidente ou catástrofe, así como a salvagarda dos bens e do medio ambiente. A súa principal actividade é a asistencia no Camiño de Santiago, o seu acondicionamento e a atención ao peregrino no seu percorrido por cada un dos Camiños do seu termo municipal, chegando agora ata o municipio do Pino, e atendendo todos os Camiños que rematan en Compostela, e tamén o único que sae da cidade cara Fisterra.

Destaca tamén a súa presenza en todo tipo de actividades culturais, deportivas e relixiosas nas que proporcionan unha maior seguridade a todos/as os/as asistentes. Tamén axudan a calquera persoa, empresa ou servizo que solicita a súa asistencia. Un exemplo disto son os numerosos simulacros nos que participan e a amplísima formación que imparten en institucións educativas, mediante as que informan sobre autoprotección, primeiros auxilios e RCP...

Poden verse ademais loitando contra as xeadas dos meses de inverno, esparexendo sal por aquelas rúas de titularidade do Concello de Santiago, traballando a reo nas alertas por temporal e tamén realizando labores de coidado e recollida de animais protexidos pola lei. Igualmente, participan en todos os eventos musicais e deportivos que se levan a cabo na cidade.

Os/as membros de Protección Civil de Santiago colaboran cos diferentes corpos de seguridade (Policía Local, Garda Civil, Policía Nacional e Bombeiros) e cos departamentos do Concello de Santiago, Xunta, etc., e tamén con outras agrupacións de Protección Civil.

Todos/as os/as voluntarios/as reciben a formación precisa para levar a cabo con éxito as intervencións nas que participan, comezando curso elemental obrigatorio. Logo, os/as admitidos/as realizan un Curso Básico de Protección Civil na Academia Galega de Seguridade, onde son instruídos sobre primeiros auxilios, comunicacións, incendios e lexislación, entre outras materias.

Como membros da Agrupación, tamén asisten a outras xornadas e cursos sobre primeiros auxilios, incendios, roteiros, coidado do patrimonio, habilidades sociais, traballo en equipo, accidentes de tráfico, etc.

Compartir: