CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia pon en directo a banda sonora ao filme mudo "A caída da casa de Usher" no marco de Cineuropa

25/11/2019 No marco da 33ª edición do Festival Cineuropa, este xoves, 28 de novembro, proxectarase o filme A caída da casa de Usher (1928), de Jean Epstein. Será ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia. A Real Filharmonía de Galicia interpretará en directo a banda sonora. A batuta levaraa o director madrileño José Antonio Montaño, no que será o seu debut coa orquestra.

A película francesa A caída da casa de Usher toma o seu argumento do popular conto homónimo de Edgar Allan Poe. Lord Roderick Usher está preocupado pola saúde da súa esposa, con quen vive nunha casa illada no medio dunha lagoa, un lugar cargado de enigmas e suspense.

A caída da casa de Usher é considerada unha das obras mestras da época, cunha técnica de filmación de vangarda e unha narrativa desenvolvida a través dunha filmación das escenas entre o onírico e o misterioso. Neste filme, o director de cinema español Luís Buñuel foi axudante de Epstein.

A música que interpretará a RFG nesta ocasión é do compositor José Mª Sánchez-Verdú (1968), que realizou por encargo conxunto do Festival Stresa (Italia), Real Filharmonía de Galicia e Casa da Música de Porto (Portugal). Será a súa estrea en España, despois de escoitarse no Festival Stresa coa Sinfónica de Milán o pasado mes de agosto, baixo a batuta de José Antonio Montaño.

Tal como explica o propio compositor, "a obra de Jean Epstein como director de cinema e como filósofo é para min una das cumes da arte do cinematógrafo da primeira metade do século XX. Poñer música a unha das súas principais obras, A caída da casa de Usher, foi un labor arriscado e á vez fascinante. Con este filme, Epstein abre varias perspectivas de enorme orixinalidade e alcance que tratei de preservar e desenvolver tamén na música".

Antes da proxección da película, soará a peza O palacio encantando, composta tamén por José Mª Sánchez- Verdú.

Conversación previa co director e co compositor
O público poderá manter unha charla previa ao concerto co director José Antonio Montaño e co compositor José Mª Sánchez-Verdú, ás 19:45 horas, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que a Real Filharmonía de Galicia promove antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

O mestre Montaño é considerado pola prensa musical especializada como "un dos directores de orquestra españois con máis proxección do momento". Formado xunto a grandes referentes como Jesús López Cobos, desenvolveu unha exitosa e versátil carreira en teatros e auditorios de prestixio internacional a través de todos os xéneros, abarcando un extenso repertorio que vai desde o barroco a estreas contemporáneas.

Foi director titular da Nova Orquestra do Teatro Real entre 2003 e 2013. Dirixiu as principais orquestras españolas e europeas. Nas últimas catro tempadas foi director invitado da Orquestra Sinfónica de Milán-La Verdi e destacan as producións realizadas xunto ao Ballet Nacional de España. É fundador da orquestra con instrumentos de época La Madrileña.

Pola súa banda, José Mª Sánchez-Verdú traballou como compositor coas agrupacións e festivais máis destacados de Europa e con directores da talla de Zubin Mehta, Frühbeck de Burgos, Jesús López Cobos ou Lothar Zagrosek, entre outros moitos. Os seus proxectos escénico-musicais recibiron importantes recoñecementos internacionais e programáronse en Berlín, Hamburgo, Múnic, Stuttgart, Venecia, Lucerna, Lugano, Salzburgo, Madrid, Bos Aires, O Cairo… Tras varios anos como compositor en Alemaña, foi convidado en 2001 como profesor de Composición da Robert Schumann Hochschule de Dusseldorf, posto no que continúa. Dende 2019 é catedrático de Composición no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid.

Compartir: