TURISMO

As Cidades Patrimonio colaborarán coa Alianza das Civilizacións en materia de sustentabilidade

16/11/2019 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade acordou en Eivissa, na Asemblea Xeral de Alcaldes e Alcaldesas, subscribir un convenio de colaboración coa Alianza das Civilizacións da ONU. En representación de Santiago de Compostela acudiu ao encontro o concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo, Sindo Guinarte.

O presidente do Grupo e alcalde de Eivissa, Rafa Ruiz, explicou os acordos alcanzados. Destacou a aprobación do orzamento de 2020 que ascende a 990.000 euros, o Plan Operativo de Turismo para promocionar os 15 destinos en todo o mundo; e a cooperación coa Alianza de Civilizacións das Nacións Unidas. Coa ONU, detallou, traballarase nun acordo que tamén teña como referencia os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable.

Ruiz adiantou que proximamente van ter unha reunión coa Alta Comisionada en Madrid para establecer un calendario de traballo centrado no cumprimento dos 17 obxectivos de Desenvolvemento Sustentable. O obxectivo é que as cidades do Grupo traballen nesa liña, xa que "todo o turismo ten que ser sustentable", engadiu.

A celebración do V Encontro de Xestores de Patrimonio Mundial os días 26 e 27 de novembro na cidade de Eivissa é a próxima "gran cita". Segundo o Ruiz, no foro serán obxecto de análise e debate os problemas que se atopan os xestores dos lugares inscritos na Lista de Patrimonio Mundial. De momento, indicou, xa hai "máis de 80 grandes expertos europeos" confirmados.

Ademais, a Asemblea de Cidades Patrimonio aprobou o Plan Operativo de Turismo para o próximo ano, no que o Grupo apostará polos mercados estratéxicos de Francia, Reino Unido e Alemaña, ademais de potenciar a súa presenza nos novos mercados en Asia, Estados Unidos e Canadá. Tamén deu luz verde á terceira edición de A Noite do Patrimonio, que se celebrará en setembro de 2020; e á elaboración dun manual de boas prácticas sobre os aloxamentos turísticos.

Compartir: