XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local resolve a convocatoria das bolsas de comedor

13/11/2019 Nunha sesión extraordinaria celebrada este mércores, a Xunta de Goberno Local aprobou a resolución definitiva da convocatoria para a concesión de bolsas de comedor, adquisición de material escolar e realización de actividades extraescolares para o alumnado dos centros docentes públicos e concertados sostidos con fondos públicos de educación infantil (segundo ciclo) e de educación primaria obrigatoria do Concello de Santiago de Compostela, para o curso 2019/2020.

Esta convocatoria contempla bolsas para familias con escaseza de recursos, que poden optar a bolsas de comedor, ata un máximo de 90 €/mes; para a realización de actividades extraescolares, ata un máximo de 30€/mes; e para adquisición de material escolar, ata un máximo de 60 € nun pago único. Tamén existen bolsas para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, por importe de 45€/mes. Os detalles da resolución desta convocatoria serán explicados mañá xoves en rolda de prensa pola concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro.

Outros asuntos
A XGL tamén deu conta da sinatura do convenio de colaboración do Concello co Club Arteal Tenis de Mesa, por 12.000 euros, e aprobou a ampliación ata o 5 de decembro do prazo de xustificación das subvencións destinadas ao fomento do deporte federado.

Finalmente, o Goberno local adxudicou o servizo denominado "Paso a paso", destinado aos centros socioculturais, por un importe de 40.865,86 euros (IVE incluído).

Documentos relacionados



Compartir: