ALCALDÍA

O alcalde considera o hub biotecnolóxico e da madeira como "unha das claves do futuro da nosa cidade"

08/11/2019 Preto de cen profesionais do mundo da arquitectura, o deseño e a industria da madeira déronse cita na Cidade da Cultura nas X Xornadas de Arquitectura e Deseño, organizadas polo Clúster da Madeira e do Deseño de Galicia (CMD). Na inauguración participou o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, quen sinalou que en "Compostela temos definido que o proxecto base do desenvolvemento futuro da cidade ten que estar baseado na biotecnoloxía e na madeira".

O rexedor lembrou que recentemente se acaba de conceder a creación do hub tecnolóxico destas dúas industrias, "unha aposta estratéxica que será unha das claves de futuro da nosa cidade". Tamén recordou a bonificación fiscal do 95%, que se introduce nas ordenanzas reguladoras do IBI, do IAE e do ICIO para o ano que vén, destinada á implantación de novas empresas en Compostela e á ampliación das existentes. "Unhas bonificacións que tamén están ligadas á creación de emprego indefinido e de calidade", lembrou. Tamén defendeu Sánchez Bugallo a utilización da madeira nos proxectos de rehabilitación de vivendas antigas.

Esta cita, que se celebra cada dous anos, trata de ser un punto de encontro para a reflexión, o intercambio e a xeración de novas ideas. Ademais do alcalde, no acto de inauguración estiveron presentes o director da Axencia Galega da Industria Forestal, José Ignacio Lema; a tesoureira do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia-Santiago, Carmen Rei; o director da Escola de Arquitectura da Coruña, Fernando Agrasar; e o presidente do CMD, José Manuel Iglesias.

Estas xornadas, nas que interviñeron distintos expertos, están concibidas como un foro multidisciplinar para afondar na relación entre madeira, deseño e arquitectura. A principal novidade desta edición foi a celebración dun faladoiro aberto a todos os participantes onde puideron expresar e compartir inquedanzas e expectativas profesionais.

Compartir: