FESTAS

Mofa e Befa abrirán ás festas de Entroido de Compostela

16/01/2007 O sábado 17 de febreiro comezan as festas de Entroido de 2007. A música, a diversión e a boa comida están aseguradas nestes cinco días de festas, tal e como asegurou na presentación do programa carnavaleiro o concelleiro de Festas de Santiago, Xosé Baqueiro.

A xornada comezará ás 12:30 da mañá cun taller de maquillaxe, disfraces e máscaras na praza do Toural, que continuará ás 17:00 horas. Todos aqueles que queiran coñecer os segredos para disfrazarse, poden acudir a esta cita. Ademais, as rúas estarán animadas por fanfarrias.

O prato forte da xornada será pola tarde. Ás 20:00 horas terá lugar o desfile do meco, obra do artista compostelán José Luis Méndez. O meco está ataviado cun paraugas queimado e cun flotador, como símbolo dos incendios e das riadas que asolaron Galicia este ano. O desfile sairá da praza de Cervantes e percorrerá as rúas Nova e do Vilar, o Pazo de Bendaña ata chegar á praza do Toural. As fanfarrias continuarán animando as rúas.

Será ás 20:30 horas cando teña lugar o pregón que dará o pistoletazo de saída a estas cinco días de festa. A cita será na praza do Toural e os encargados de dar por inaugurado o Entroido deste ano será o dúo humorístico Mofa e Befa. Co seu espectáculo arrincarán os primeiros sorrisos destes días de festas, unhas festas que "esperamos que sexan moi participativas, que se disfrace todo o mundo, que se deixe atrás o estrés de cada día, as dietas, e que disfrutemos todos xuntos da maxia que transmite o Entroido", sinala Baqueiro.

Todos os que queiran participar do desfile do martes de Entroido, aínda poden anotarse na Concellaría de Festas. Entre todos os premios entregaranse máis de 12.000 euros. As categorías que serán premiadas son: carrozas, comparsas, ao grupo mellor caracterizado, parella mellor caracterizada e mellor disfraz individual.

Compartir: