AEROPORTO

A nova terminal de Lavacolla estará lista para o Ano Xacobeo de 2010

16/02/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou que Aeropuertos Españoles y Navegación Aérea (AENA) xa ten listo o proxecto da nova terminal aeroportuaria de Lavacolla. Suporá un investimento de 180 millóns de euros e estará operativa antes do Ano Santo de 2010.

Segundo Sánchez Bugallo, ao longo do mes de marzo quedará perfilado o prego de condicións e en abril presentarase publicamente o proxecto. A continuación licitaranse as obras, co obxectivo de que poidan comezar a principios de 2008 e estar rematadas a 31 de decembro de 2010. O alcalde tamén anunciou que ten coñecemento do bo ritmo ao que van as negociacións entre o Ministerio de Defensa e o Aero Club sobre os terreos onde se ubicará a terminal.

Con estes prazos, indicou Sánchez Bugallo, "adiántase en tres anos o prazo previsto para a posta en funcionamento da nova terminal". O Plan Director do aeroporto de Santiago estimaba o inicio das obras para 2011 e o seu remate en 2013. "Isto é un motivo de satisfacción", concluíu o alcalde.

O novo edificio terminal terá uns 55.000 metros cadrados distribuídos en varios niveis (o nivel superior para facturación e saídas, o inferior para chegadas e un máis baixo para servizos e almacéns). Construirase tamén un edificio de aparcadoiro público para 2.000 vehículos, un edificio de servizos e un bloque técnico duns 4.000 metros cadrados, ademais de un aparcadoiro dunhas 400 prazas para persoal e a central termofrigorífica.

O proxecto tamén inclúe a urbanización e o acceso a esta nova área terminal, que comezará na rotonda existente na entrada do aeroporto. Estes vieiros serán en estrutura e en dous niveis, debido ás características da orografía do terreo.

Compartir: