URBANISMO

Medio Ambiente remitiu o seu informe sobre o PXOM

16/02/2007 A Consellería de Medio Ambiente remitiu o seu informe sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Tal como anunciara anteriormente o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, o departamento autonómico unicamente solicitou algunha información complementaria.

O Concello remitirá en menos de 15 días a información complementaria do PXOM solicitada por Medio Ambiente, que poderá emitir entón o seu dictame definitivo. Estes datos complementarios afectan a cuestións como a capacidade de subministro de auga, o tratamento de augas residuais, as emisións de CO2, a capacidade de tratamento do lixo de Sogama ou os puntos limpos.

Este informe de Medio Ambiente daría por solucionada a cuestión da afectación aos plans de ordenación da Lei 9/2006 sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente. Deste xeito, o PXOM compostelán acolleríase á excepcionalidade da norma, que permite exonerar da presentación do informe de impacto ambiental a aqueles Plans que se empezaron a tramitar antes do 21 de xullo de 2004 e que demostraron cumprir coas esixencias medioambientais, como é o caso do de Santiago.

Despois deste dictame, unicamente quedaría o pronunciamento definitivo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, que disporá dun prazo de tres meses para facelo.

Compartir: