ALCALDÍA

Sánchez Bugallo aposta por un parque comarcal de bombeiros no edificio de Salgueiriños

25/10/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, aposta por un parque comarcal de bombeiros, o mesmo que a Xunta, di, aínda que está aberto a estudar outras alternativas "se fose preciso". O que si cómpre, sinalou en rolda de prensa, é unha solución definitiva á situación na que se atopa o servizo. Unha solución, afirma, consensuada entre Xunta, Concello, Deputación e os municipios da comarca. A opinión do rexedor é que o novo parque debe ubicarse no edificio de Salgueiriños, xa empezado.

Sinala Sánchez Bugallo que un dos maiores problemas, son as dificultades para cubrir as vacantes de persoal. "A situacion é peor que hai 15 anos". Recorda que neste momento en Compostela hai 38 bombeiros, cando "a plantilla de Santiago tiña que ser como mínimo de 57, segundo a estimación que facíamos en 2001"; e que o cadro de persoal mínimo, segundo os informes realizados, tería que ser de 88. Onte reuniuse co vicepresidente da Xunta. Agora falará co presidente da Deputación e co resto de concellos da área, para, entre todos, "buscar a mellor solución". Espera que ao longo do mes de novembro, todas as administracións manifesten a súa dispoñibilidade nun sentido ou noutro.

Asegura Sánchez Bugallo que cómpre retomar o asunto onde quedou. "O que pensabamos en 2001, cando asinamos o convenio entre Deputación, Xunta e Concello, era que un parque comarcal potente xeraba sinerxias que beneficiaban a calidade, potencia e á capacidade do servizo".

O asunto dos bombeiros é un dos temas que ao alcalde lle gustaría ter resolto para o ano 2021. O outro é, di, "a organización de Protección Civil", cunha mellor dotación de medios e co reforzo da agrupación de voluntarios, porque o número de integrantes "é menor que hai 30 anos". O seu labor consiste en acompañar aos peregrinos, "especialmente a aqueles que teñen algún tipo e dificultada adicional". Sinala o rexedor que "temos que ter un servizo potente para atender a esas persoas".

Intermodal
A preguntas dos xornalistas, Sánchez Bugallo sinalou que Fomento "polo que me di a presidenta de ADIF, está cumprindo os prazos e está traballando día e noite para o seu cumprimento". Atribúe as declaracións sobre atrasos da Xunta a unha confusión entre o remate das obras; que "segundo ADIF estarán dispoñibles, posiblemente no primeiro trimestre de 2020"; e o prazo de cando está operativo o servizo. "Son dous prazos distintos", explicou.

Taxa turística
Sobre a posiblidade de cobrar aos visitantes pola utilización dos aparcamentos, Sánchez Bugallo, sinala que non está tomada decisión algunha: "imos encargar estes días a realización dos estudos correspondentes. Cando teñamos os estudos, falaremos do tema". En relación á taxa turística, continuou "temos que ver a habilitación legal que ten o concello. Nas comunidades onde se aplica, hai unha lexislación autonómica que habilita expresamente para a creación desas taxas. Este non é o caso de Galicia".

O que se plantea, aclara o alcalde, é unha cuestión diferente: "que en base ao esquema de aparcadoiros que queremos montar, e á acollida de autobuses que utilizarán as dársenas", se estableza unha taxa en base ao custe real do servizo. "Unha taxa e un imposto, son distintos", engade. Explica o rexedor que esta taxa será asumida polos usuarios e non pola cidadanía.

Estes aparcadoiros situaríanse no Cruceiro da Coruña, en San Lázaro -estase estudando utilizar tamén as dársenas do estadio-, e a carón da Ponte da Rocha. Tamén habería un aparcadoiro para caravanas. En canto ás lanzadeiras de autobuses, estarán situadas, explicou Sánchez Bugallo, no aparcadoiro do Cruceiro da Coruña. "Nós a experiencia que temos é que no Ano Santo e os días punta, chegan entre 450 e 600 autocares". Polo tanto,engadiu "temos que habilitar un espazo, como mínimo, para 500 autobuses".

Compartir: