CENTROS SOCIOCULTURAIS

Arranca este domingo 27 o programa 12 doces de outono

24/10/2019 A Rede de Centros Socioculturais pon en marcha unha nova edición do programa 12 doces do outono, unha aposta pola programación familiar, que xunta as artes escénicas coa gastronomía propia da estación. As 12 actividades desenvolveranse en 12 centros socioculturais os domingos 27 de outubro e 3, 10 e 17 de novembro.

O programa desenvolverase nos centros de Conxo, Romaño, Nemenzo, O Castiñeiriño, A Rocha, Laraño, Fontiñas, Grixoa, Vite, Santa Marta, Bornais e O Ensanche. Cada domingo, 12 doces do outono chegará a un centro en horario de mañá, ás 12:30 horas, e a outros dous en horario de tarde, ás 18:00 horas. A entrada será sempre de balde, ata completar aforo.

A primeira xornada dos 12 doces de outono, o 27 outubro, abrirase no Centro Sociocultural de Conxo con Fantoches Baj e a súa proposta Os romeiros do caracol. Pola tarde, Xoán Curiel e Charo Pita entreterán ás familias no CSC do Romaño co seu espectáculo Canta miña pedra canta. Á mesma hora, o LSC e Nemenzo acolle Contos para un mundo mellor, con Gloria Mosquera e Diego Maceiras.

O 4 de novembro, o espectáculo da mañá será no Centro Sociocultural do Castiñeiriño, con Iseo A Moura e Se as árbores falaran. Pola tarde poderemos desfrutar no LSC da Rocha con Atenea García e a súa proposta Bichocas, e no LSC de Laraño con Marta Ortiz, que presenta Mulleres de sal.

Para o 10 de novembro está programado o espectáculo A ovella Engracia, con María Lado e Lucía Aldao, pola mañá no CSC das Fontiñas, mentres que Paula Carballeira estará pola tarde en Grixoa con O río da bruxa, ao tempo que Teatro Ghazafelhos representa O país dos mandóns no CSC de Vite.

Por último, o domingo 17 de novembro, o Centro Sociocultural de Santa Marta acollerá pola mañá Cyclo, de El Callejón del Gato. En horario de tarde, no CSC de Bornais, Príncipes e princesas, de Os Contos de Pablísimo; e no CSC do Ensanche, A tortoise, un can, two monsters e un pícnic, con Pérez & Fdez.

Títeres, narración, música e teatro configuran unha programación que, en palabras de Emi Candal, responde a tres eixes temáticos: o coñecemento do patrimonio oral, o teatro reivindicativo do respecto ao medio ambiente e o compromiso coa igualdade.

Gastronomía de outono
O programa 12 doces do outono complétase coas degustacións de produtos propios desta época do ano, como marmelo, castañas, cabazas… Os doces poden ser elaborados nos propios centros cívicos no marco de obradoiros de cociña, ou ser achegados polos propios veciños e veciñas dende as súas casas. O obxectivo é poñer en valor os produtos do outono, ao tempo que se xera unha maior interrelación entre as persoas que participan nas actividades, fundamentalmente entre os nenos e nenas.

Compartir: