TURISMO

Santiago promove o seu novo Fórum Gastronómico en Girona

16/02/2007 Turismo de Santiago estará presente no Fòrum Gastronòmic de Catalunya, que ten lugar no Palacio de Congresos e a Feira de Girona do 17 ao 21 de febreiro, para dar a coñecer o seu Fórum Gastronómico do 2008 ante o público especializado.

O acto de presentación do I Fórum Gastronómico Santiago’08 "As cociñas do Atlántico" está previsto para o mércores 21 de febreiro ante máis de 500 profesionais e prensa especializada, e estará conducido polos organizadores do Fòrum, xunto aos mestres Marcelo Tejedor, Sacha Hormaechea e Joan Roca, e os representantes de Turismo de Santiago.

A capital compostelá acode a este evento por tratarse dun congreso pioneiro e de referencia, que ven celebrándose en Cataluña cun éxito innegable dende o ano 1999. O seus organizadores, Pep Palau, von Arend i Associats, conseguiron consolidalo como un punto de encontro imprescindible para empresas agroalimentarias, cociñeiros profesionais e restauradores.

O exitoso formato do Fòrum catalán constitúe ademais a matriz e modelo do novo evento de Santiago de Compostela, e de feito alternará a súa celebración bianual co Fórum gastronómico galego como as dúas grandes citas da gastronomía nacional.

Na actualidade, o Fòrum Gastronòmic é o congreso gastronómico con feira máis grande Europa, con 700 congresistas, 130 medios de comunicación de 10 países, 11 mil metros cadrados de exposición, 160 expositores, 110 profesionais da cociña, 32 sesións maxistrais, máis de 40 obradoiros e 15 mil visitantes, dous tercios deles profesionais do sector.

Stand propio e demostración de cociñeiros galegos

Santiago de Compostela asiste ao Fòrum Gastronòmic cun espazo propio situado no hall do Palacio de Congresos, e representada por unha delegación de Turismo de Santiago, a Cámara de Comercio e a Asociación de Hostalería.

Durante o Fòrum de Girona, o concelleiro de Turismo, Francisco Candela, e os representantes das institucións compostelás percorrerán a feira e asistirán a varias sesións maxistrais, como as de Carme Ruscalleda e Oriol Rovira, e a obradoiros como os de Alberto Chicote, Sacha Ormaechea, Salvador García Rabos e Jean Lhéritier

Ademais, os mestres cociñeiros galegos Marcelo Tejedor, Xosé Canas e Pepe Vieira ofrecerán sesións maxistrais de cociña en vivo. Os visitantes afeccionados e profesionais do foro catalán poderán así mesmo participar en catas de viños galegos, ostras e polbo no restaurante do Fòrum por cortesía das institucións turísticas compostelás.

Unha imaxe que atrae

Para a promoción en Girona do I Fórum Gastronómico Santiago’08 "As cociñas do Atlántico", Turismo de Santiago editou dous folletos: un xeral sobre a gastronomía que se degusta na capital galega e outro sobre o evento profesional do 2008, ambos en castelán, galego, inglés e catalán.

A imaxe do evento compostelán céntrase no lema "Santiago atrae" e amosa a dous cociñeiros, Marcelo Tejedor e Xosé Cannas, membros do grupo gastronómico Nove, cun enorme imán diante da Porta Santa, na Praza da Quintana. Así mesmo, editouse un vídeo promocional que amosa os recursos gastronómicos da capital galega, a súa dotación de restaurantes e a súa hospitalidade universal.

Documentos relacionados



Compartir: