CENTROS SOCIOCULTURAIS

As corais de Santiago inician as súas actuacións nos centros socioculturais

15/02/2007 O venres 16, ás 20:00 horas, iníciase no Centro Sociocultural do Castiñeiriño o percorrido das corais da cidade polos distintos centros socioculturais. Nesta sesión inaugural actuará a Coral Polifónica La Salle e a Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos no Centro Sociocultural do Castiñeiriño o calendario de actuacións de corais nos centros socioculturais da cidade.

A Coral La Salle comezou no curso 1987-88 e foi creada pola xunta directiva da APA. Actualmente está formada por 36 voces e o seu repertorio abrangue composicións de música clásica, popular e relixiosa. Participou en case todas as edicións da Mostra de Corais Galicia Cantat, nas misas dos domingos da TVG, no programa Luar e en diferentes festivais e encontros con outras Corais.

Cantigas e Agarimos fundouse no ano 1921 pola necesidade de recuperación, conservación e transmisión das formas máis entrañables da nosa cultura tradicional, como son a cantiga, a música, o baile e os traxes populares. Ademais de levar a organización e participación do "Día da Muiñeira", que se celebra en Santiago, participa en festivais e eventos internacionais (Lorient-Bretaña, Xapón, EE.UU, Portugal, Bruxelas, Bélxica, Bos Aires, Montevideo), en intercambios culturais e en diferentes concursos e certames tanto en Galicia coma no resto de España. Por todo isto, a agrupación acadou un recoñecido prestixio que quedou reflectido na concesión da Medalla de Prata da Cidade.

Documentos relacionados



Compartir: