ALCALDÍA

O alcalde visitou as instalacións de Televés

10/10/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado da concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, e dos responsables da área de Promoción Económica visitaron esta mañá as instalacións de Televés. Durante a visita, puxéronse en común as realidades e proxectos sociais e industriais de Televés Corporación e a cidade de Compostela. Por parte da compañía estiveron presentes o seu director xeral, Santiago Rey, e o secretario xeral, Jorge Lorenzo.

Televés é unha importante compañía tecnolóxica dedicada ao deseño, desenvolvemento e fabricación de solucións para infraestruturas de telecomunicacións en fogares, edificios e cidades. Unha corporación que conta con máis de 20 firmas industriais e de servizos, máis de 700 empregados e 75 patentes de invención. Ten filiais en once países, entre eles Rusia, Estados Unidos, China e Emiratos Árabes; e vende en máis de cen países dos cinco continentes. Toda a liña de investigación, deseño de produtos e control de calidade desenvólvese nas instalacións coas que conta en Santiago.

A visita rematou cun percorrido polas instalacións de Televés, incluíndo o departamento de I+D e as liñas robotizadas da compañía. Alí, os responsables de cada área explicaron como Televés deseña e fabrica os seus propios produtos e deseña e monta as súas propias liñas de fabricación automatizada.

Compartir: