POLÍTICAS SOCIAIS

Máis de 300 persoas participarán este sábado no V Camiño da Diversidade

08/10/2019 Este vindeiro sábado, a partir das 10:00 horas, celebrarase a quinta edición do Camiño da Diversidade, que organiza a Fundación Ingada (Instituto Galego do TDAH e Trastornos Asociados). Os/as participantes sairán da Escravitude (Padrón) para percorrer parte da ruta portuguesa ata a praza do Obradoiro.

A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, presentou esta nova edición do Camiño da Diversidade, acompañada do alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira; da concelleira de Benestar Social de Ames, Luisa Feijóo; e de Claudia Balado, psicóloga da Fundación. A concelleira expresou o "orgullo" que para o Concello supón "colaborar con estas iniciativas, porque cando menos sérvennos para recoñecer a entidades como Ingada e o traballo impagable que realizan a diario".

"O Camiño da Diversidade vén a mostrarnos que a diversidade é un valor, e non un estigma e seguro este Camiño servirá para chamar a atención á cidadanía sobre o respecto á diversidade e sobre a necesidade de integración de calquera persoa, por diferente que sexa", apuntou Mila Castro.

A este recoñecemento e posta en valor da diversidade tamén se referiron a concelleira de Benestar Social de Ames e o alcalde de Padrón, vila esta última da que partirá o Camiño e onde se celebrarán as primeiras actividades da xornada, coa presenza dun grupo folclórico e cunha homenaxe a Rosalía de Castro.

A ruta terá a súa principal parada no Milladoiro (Ames), onde os/as camiñantes pararán a comer e participarán en diversas actividades, coma a construción dun "mural de soños". Pero ao longo do percorrido haberá outras accións, como xogos populares ou unha actividade de recoñecemento de flora e fauna, tal como explicou Claudia Balado, quen anunciou varias sorpresas.

Tras 19 quilómetros, o Camiño da Diversidade rematará na praza do Obradoiro, onde se lerá o Manifesto da Diversidade.

Aínda está aberta ata mañá mércores a inscrición para participar nesta ruta e xa hai unhas 300 persoas confirmadas, procedentes de diferentes partes de Galicia. Os/as participantes que acudan en autobús ata a Escravitude pagarán 10 euros, que inclúen o transporte e o seguro. Os/as que acudan pola súa conta teñen a inscrición de balde.

Ingada
O Instituto Galego do TDAH e Trastornos Asociados (Fundación Ingada) xorde no 2014 co fin de proporcionar asistencia integral en Galicia ás persoas afectadas polo TDAH e/ou trastornos asociados e as súas familias, dada a alta prevalencia destas patoloxías na nosa sociedade e as deficiencias existentes para a súa atención en tódalas áreas necesarias (educativa, social, clínica, familiar, laboral). A Fundación está formada por un equipo multidisciplinar que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida dos usuarios e usuarias.

Ofrece soporte docente, terapéutico, comunitaria, educativo, divulgativo, sensibilizador... Neste marco, o V Camiño da Diversidade formúlase cunha actividade educativa e de ocio para potenciar valores como a solidariedade, o compañeirismo ou a vida saudable. A Fundación quere así sensibilizar á cidadanía sobre o respecto á diversidade de cada un/unha, sen exclusións, e fomentar a integración e o desenvolvemento digno de todas as persoas. Este proxecto é beneficiario do programa autonómico "O teu Xacobeo 2021".

Compartir: