CONSORCIO E TURISMO

Música e patrimonio para a Semana Santa compostelá

15/02/2007 Santiago de Compostela acollerá durante a Semana Santa a segunda edición do Festival de Músicas Contemplativas, un proxecto deseñado e organizado polo propio Consorcio de Santiago co obxecto de aunar arquitectura e música en relación co patrimonio restaurado e rehabilitado polo propio Consorcio.

A iniciativa pretende ampliar a oferta cultural da cidade durante a época de Semana Santa, ofrecendo aos cidadáns e visitantes unha proposta innovadora que aglutine o patrimonio espiritual e artístico con vocación de permanencia. Pois non se trata só, dentro deste proceso de rehabilitación e restauración do Consorcio, dunha política de recuperación física do legado arquitectónico, senón de poñer en valor o seu legado cultural.

O Festival de Músicas Contemplativas desenvolverase do 3 ao 7 de abril nas igrexas da Universidade, Orfas, Ánimas, San Fiz de Solovio, Mercedarias, Orde Terceira de San Francisco e San Agustín. En cada unha delas actuarán, respectivamente, Gabrieli Consort & Players, Ikhwan Al-Hadra, Cuarteto da Real Filharmonía de Galicia, La Grande Chapelle, Ensemble Organum, Ex Cátedra Consort & Continuo, Choir and Studio for spiritual music Melódi e Hesperion XXI. Estes grupos proveñen de puntos tan distantes como Túnez, Francia, Reino Unido ou Belgrado, entre outros.

Unha selección de música diversa que fai un percorrido polas obras mestras do Barroco e do Renacemento, a tradición espiritual magrebí, a relixiosidade de Haydn, a interpretación coral, A Grande Chapelle, a música medieval ou os repertorios de cantos bizantinos, serbios e rusos. E todo iso dentro do escenario privilexiado que representa a singularidade arquitectónica de cada unha das igrexas que acollen o festival.

Segundo o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva, este evento pretende unir "a acción cultural co desenvolvemento turístico da cidade". Así, lembrou que será o Festival será "comercializado" por Turismo de Santiago. "Incorpora unha nova visión da música como expresión de espiritualidade", engadiu.

Pola súa parte, o presidente do Consorcio e alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, indicou que o Festival "daralle máis realce á Semana Santa en Santiago". Incidiu en que pasarán "algúns dos mellores grupos de música medieval e relixiosa do mundo" nesta segunda edición, que aspira a consolidar este Festival coma "un dos mellores festivais de música intimista e relixiosa en España".

Compartir: