TURISMO

Santiago celebrará en febreiro de 2008 o seu primeiro foro gastronómico

14/02/2007 Santiago de Compostela celebrará o seu primeiro foro gastronómico entre o 16 e o 20 febreiro do 2008, reunindo por primeira vez na cidade a primeiros nomes da cociña galega, española e internacional.

O foro foi presentado á sociedade galega nun acto que se celebrou o mércores 14 de febreiro no Hotel-Monumento San Francisco, coa presenza do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o concelleiro de Turismo, Francisco Candela; o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey; o presidente da Asociación de Hostalería de Santiago, Juan Silva; o director do Fòrum Gastronòmic de Girona, Pep Palau; o xerente de Turismo de Santiago, Iñaki Gaztelumendi, e Xosé Cannas, cociñeiro.

O evento nace con periodicidade bianual e vocación de futuro, para converter a Santiago de Compostela na capital gastronómica e punto de encontro das cociñas do Atlántico. O I Fórum Gastronómico Santiago de Compostela ’08: "As Cociñas do Atlántico" vai durar cinco días, nos que ofrecerá actividades para toda a poboación, para os afeccionados á gastronomía e para os profesionais do sector.

O evento seguirá o exitoso formato do Fòrum Gastronòmic catalán, que se celebra bianualmente en Girona e que se alternará co foro galego como as dúas grandes citas da gastronomía nacional.

Segundo Pep Palau, organizador do Fòrum catalán, "o evento ofrece á vez un escenario privilexiado para ver en acción aos cociñeiros de máis prestixio, un programa profesional de conferencias e debates, unha gran feira comercial de produtos gastronómicos, un espazo para a degustación e a cata dos mellores produtos da terra, xantares e ceas de excepción, e unha proposta de lecer cultural e aprendizaxe para profesionais e público en xeral".

A cidade enteira "respirará" Fórum Gastronómico cando nos días previos se organicen actividades de sensibilización cara á gastronomía en todos os ambientes sociais e culturais -escolas, mercados, cinemas, salas de exposicións e espazos de restauración- a través das artes escénicas, ciclos de cinema, exposicións e certame de fotografía afeccionada, entre outras iniciativas.

A festa da cociña atlántica

O Fórum Gastronómico propiamente dito consta de dúas seccións ben diferenciadas. Os dous primeiros días, sábado e domingo, o Fórum Fin de Semana diríxese a todos os apaixonados da cociña e os viños, que poderán coñecer, gozar e valorar a gastronomía, a través de demostracións en directo de cociñeiros e expertos, feira de produtos de calidade e espazos específicos para degustacións, catas e conferencias.

Tamén se celebrarán "Noites de mesa", ceas únicas con menús deseñados e elaborados por grandes mestres da cociña nos restaurantes dos hoteis de 5 estrelas da cidade.

De luns a mércores, segue o Fórum Profesional, no que os profesionais da gastronomía produtores, distribuidores, cociñeiros, mestres de cociña, alumnos de hostalería, enólogos e sumilleres van atopar formación, comercio, diálogo e diversión nun mesmo espazo.

Feira e congreso

O evento combina feira de produtos e congreso, converténdose nun marco no que empresas e profesionais comparten información sobre tendencias de vangarda e novas tecnoloxías.

Os espazos están concibidos, en efecto, para sesións de grande formato, obradoiros, mercado de produtos e ideas, restauración, realización de catas, presentacións de produtos e conferencias.

Polo congreso desfilarán recoñecidos creadores gastronómicos do mundo ao lado de novos talentos de Galicia, Cataluña, Euskadi, Asturias e Castela e León, así como críticos e investigadores, en torno a un programa que inclúe temas como a xeografía da cociña atlántica, os produtos do mar e da terra, os produtos elaborados, as cociñas clásicas, vangardistas e emerxentes, a dieta atlántica, as novas tecnoloxías, o viño a gastronomía e enoloxía como recursos turísticos.

Os obradoiros e clases maxistrais reunirán a recoñecidos mestres da cociña, sempre arredor da cociña en vivo e en directo. Nos primeiros, tras o traballo do creador invitado, os asistentes teñen a oportunidade de probar o prato elaborado para afondar no emprego de produtos e a aprendizaxe de técnicas.

Nas sesións maxistrais, os grandes mestres da cociña poñen de manifesto, con extensas demostracións, por qué son recoñecidos a nivel internacional.

Pola súa parte, o espazo feiral amosa unha ampla selección de produtos de alta calidade e as últimas novidades do ámbito gastronómico, grazas á presenza de todos os sectores agrícolas (agricultura, gandería, pesca, viño, etc.), empresas agroalimentarias, distribuidores, restauradores e outros profesionais.

Un novo atractivo para Compostela

Segundo Iñaki Gaztelumendi, xerente de Turismo de Santiago, a planificación deste evento en Santiago de Compostela responde á necesidade de engadir atractivos ben estruturados nunha oferta turística á imaxe internacional da cidade. "A idea coincide cun estudo de Turepaña sobre o turismo cultural no país, segundo a cal o motivo que máis impulsa a viaxe nos mercados europeos é a gastronomía, seguida do ocio nocturno e a importancia da visita a museos e monumentos", sinala.

Se ben Compostela é recoñecida polos seus visitantes como un lugar de excelente gastronomía unha vez que se atopan nela, aínda falta vincular estes valores a ofertas concretas e á promoción previa, de maneira que esa soa anteceda á imaxe da cidade nos mercados internacionais.

"No mundo Santiago é destino do Camiño, Patrimonio da Humanidade e un gran conxunto monumental. Engadiremos a estes polos de atracción a gastronomía"-adiantou-, para dar forma á enorme fortaleza que amosa esta cidade como escaparate dos excelentes produtos galegos, como sede dunha oferta culinaria de calidade e como urbe hospitalaria e moderna".

Os obxectivos básicos do Fórum Gastronómico son, nese sentido, consolidar a Santiago como destino gastronómico e punto de encontro da gran cociña euroatlántica, propiciando unha forma de turismo desestacionalizadora e potenciando o dinamismo económico de Santiago.

Compostela Gourmet

Ademais do evento bianual bautizado como ‘Fórum Gastronómico’, o Plan de Marketing Estratéxico prevé a creación dunha marca de excelencia gastronómica, "Compostela Gourmet", que distinguirá a produtos, cociñeiros e restaurantes.

Así mesmo, comezarán a funcionar xa esta Semana Santa o chamado ‘Tour Gourmet’ e as visitas gastronómicas guiadas pola Praza de Abastos.

A visita guiada discorre polo tradicional mercado compostelán e permitirá coñecer de primeira man os segredos dos alimentos e as técnicas de cociña galegas, rematando cunha pequena degustación de produtos comprados durante o percorrido.

O Tour Gourmet é unha excursión gastronómica organizada que parte de Santiago para descubrir os sabores e lugares máis auténticos de Galicia, visitando lonxas, adegas ou cultivos acuicolas tradicionais, con catas in situ e menú "gourmet".

A isto engádese, finalmente, o plan de comunicación (edicións especializadas, publicidade e viaxes de operadores turísticos e xornalistas) e un plan de comercialización para a creación de paquetes e a comercialización, que creará paquetes turísticos de temática gastronómica a través de Compostur.

O "Fórum Gastronómico Santiago’08" é unha iniciativa de Turismo de Santiago, do Concello de Santiago, da Cámara de Comercio de Santiago e da Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago e Comarca, baixo a dirección e supervisión de Pep Palau, von Arend i Associats, responsables do prestixioso Foro de Girona.

Compartir: