CONSELLO DE CAPITALIDADE

Compostela percibirá 2 millóns de euros na súa condición de capital de Galicia

10/05/2005 O Alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, amosou a súa satisfacción polo transcurso do Consello de Capitalidade celebrado o martes, 10 de maio, e no que se acordara unha aportación de 2 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia á capital da nosa comunidade durante o ano 2005,

Sánchez Bugallo indicou que as negociacións entre a administración local e a autonómica proseguirán co propósito de acadar unha aportación que responda ás necesidades estimadas polo Concello. Se ben esta aportación supón un incremento de 500.000 euros respecto do 2004, o Concello aspira chegar aos 3 millóns de euros anuais de aportación complementaria, para que contribúa a sufragar os gastos extraordinarios que o municipio ten que afrontar polas múltiples responsabilidades e servizos derivadas da súa condición de capital de Galicia.

O Consello da Capitalidade estivo presidido polo Presidente da Xunta, Manuel Fraga Iribarne, e nel participaron, entre outros, os conselleiros de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Jesús Pérez Varela, e de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, Jaime Pita Varela, así como os concelleiros de Presidencia, Cultura, Urbanismo, Facenda e Orzamentos e Rehabilitación do casco histórico, Teresa García-Sabell, Néstor Rego, Luis Tojo, Xaquín Fernández Leiceaga e Mercedes Rosón, respectivamente.

Compartir: