TURISMO

Máis do 80% dos turistas viaxa ás 15 Cidades Patrimonio pola súa oferta monumental e o 98% declara que quere volver

26/09/2019 Coñecer o patrimonio monumental é o gran reclamo para os turistas, segundo afirman 9 de cada 10 persoas enquisadas, que mencionan este aliciente como o principal motivo da súa visita ás 15 Cidades Patrimonio da Humanidade de España. En segundo termo aparece o interese por asistir a eventos concretos, o relax e a gastronomía. Ademais, a gran maioría, o 98% dos visitantes, declara que volvería á cidade, e o 94% planifica a súa estancia por conta propia, é dicir, sen recorrer a un grupo organizado ou operador de turismo que xestione a súa viaxe. Estes son algúns dos resultados da segunda fase do Observatorio Turístico desenvolvido da man da firma Braintrust, líder no ámbito da consultoría turística, que se presentaron nun acto no que participaron a secretaria de Estado de Turismo, Isabel María Oliver, e o presidente do Grupo de Cidades Patrimonio, Rafa Ruiz. Asistiu ao acto o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte.

"O patrimonio histórico artístico é unha ferramenta fundamental para o fomento do turismo sustentable, xa que implica poñer en marcha políticas de xestión turística que combinen a actividade turística, a xestión dos recursos naturais e patrimoniais e o benestar dos nosos residentes, mantendo o atractivo de cada destino para os visitantes. Saber conservar estes valores e que sexan transmitidos ás xeracións futuras, supoñen retos que temos que abordar xuntos e para os que a Secretaría de Estado será a aliada das Cidades Patrimonio", sinalou Isabel María Oliver, que tamén felicitou ao Grupo pola celebración simultánea da Noite do Patrimonio nas 15 cidades.

Pola súa banda, o presidente do Grupo e alcalde de Ibiza/Eivissa, Rafa Ruiz, asegurou que "é un orgullo para nós saber que somos un exemplo non só en España, senón tamén en toda Europa, pero non nos temos que conformar e temos que aproveitar os datos deste Observatorio como unha oportunidade para seguir mellorando".

Tras agradecer que "este II Observatorio púxose en marcha grazas ao convenio de colaboración coa Secretaría de Estado de Turismo", engadiu que "os seus resultados axúdannos a afrontar os retos derivados dos cambios na maneira de viaxar que están a transformar todos os sectores. Temos que buscar novas formas para identificar aos nosos potenciais clientes, comunicarnos con eles, atraelos e facelos vivir experiencias inesquecibles, que consigan que volvan visitarnos e que nos recomenden a outros viaxeiros. Outro dos grandes retos é a necesidade de facelo de forma sustentable. Só cun turismo de calidade e unha adecuada xestión, o modelo poderá manterse no tempo".

No acto de presentación dos resultados da enquisa tamén participaron o alcalde de Mérida e vicepresidente do Grupo, Antonio Rodríguez Osuna, así como concelleiros de Turismo das Cidades Patrimonio.

Resultados
Entre os resultados do Observatorio cabe destacar que 8 de cada 10 visitantes eran coñecedores de que a cidade de destino formaba parte do GCPHE e mesmo o peso que ten o feito de ser Patrimonio da Humanidade na decisión de visitar a cidade é elevado, rozando os 8 puntos sobre 10. En liñas xerais, os/as turistas fan uso da maioría dos servizos que as Cidades Patrimonio poñen á súa disposición, principalmente restauración, visitas a monumentos, aloxamento e tendas e comercios da cidade. Case 1 de cada 2 visitantes recorren a algún tipo de visita guiada durante a súa estancia.

Doutra banda, o número de viaxeiros que visitaron estas 15 cidades aumentou notablemente no período 2014-2018, cun crecemento do 10%. A maior parte dos visitantes destes destinos acode acompañado de parella e/ou familia, supoñendo estes dous grupos máis dun 80% do tipo de visitantes. Para máis da metade dos turistas, a súa estancia na cidade supón a primeira vez que a visitan, polo que o índice de repetición situaríase no 43% para o conxunto do grupo.

A oferta hostaleira mantense practicamente estable, e grazas ao incremento da estancia media, os niveis na taxa de ocupación sitúanse na cabeza nos períodos de fin de semana fronte ao resto de cidades analizadas en España. Entre toda a oferta de aloxamento existente, o 58% dos visitantes das cidades patrimonio decántase por pernoitar en hoteis de 3*, 4* ou 5* estrelas, quedando un 19% en hoteis e hostais de menor categoría e outro 19% en vivendas turísticas.

O número medio de pernoitas por viaxeiro aumenta un 3% fronte a 2017, situándose en 1,84, crecendo por encima do conxunto de puntos de interese turístico españois e de cidades de similares características, o que segundo o presidente do Grupo "é froito do esforzo para atraer a turistas de maior calidade. Entre os nosos retos figura aumentar a estancia media dos viaxeiros, o gasto en destino, aumentar a recorrencia, desestacionalizar e diversificar a oferta de experiencias e produtos".

Neste Observatorio de 2019 realizouse tamén un traballo adicional de coñecemento do viaxeiro nas 15 cidades, con resultados como que o gasto medio total por persoa e día sitúase en 111 € para os visitantes que pernoitan nas cidades e en 62 € para os que non se aloxan. Aproximadamente o 45% do gasto invístese en aloxamento e outro 40% en restauración, quedando o 15% restante para visitas e compras. Engadindo ao gasto por persoa e día a estancia media e o número de persoas que viaxan, pódese concluír que o gasto medio por persoa é de 843 euros para a totalidade da viaxe.

O nivel de seguridade percibido polos visitantes ás cidades do GCPHE pode catalogarse de moi bo, xa que foi valorado en 8,8 puntos sobre 10, independentemente do segmento analizado. Isto denota que o turista, máis aló de situacións esporádicas, percibe as 15 cidades como espazos seguros para gozar a súa experiencia.

Segundo as conclusións do Observatorio, "nun contexto no que o crecemento económico mundial estímase que se manterá por encima do 3% durante os próximos anos, e onde o número de turistas aumentará case un 50% na próxima década, cunha tendencia crecente no segmento de turismo urbano, o Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade ten unha gran oportunidade por diante".

Nova comisión de Turismo
Ademais, esta mañá constituíuse a nova comisión de Turismo, onde se abordaron as novas accións de promoción internacional, que inclúen presenza nas feiras ITB Asia (Singapur), do 16 ao 18 de outubro; Jata-Osaka (Xapón), do 24 ao 27 de outubro; e WTM Londres (Reino Unido), do 4 ao 6 de novembro.

Tamén se levará a cabo un calendario de presentacións en Reino Unido, con Madrid Destino, nas cidades de Manchester e Glasgow, os días 2 e 3 de outubro. Estados Unidos será a seguinte cita, con paradas en Miami e en Nova York, o 29 e 30 de outubro, nunha presentación organizada en colaboración coa Oficina Española de Turismo.

Por último, na comisión destacouse que este mes de decembro emitiranse en TVE os catro últimos capítulos sobre as Cidades Patrimonio da Humanidade, gravados en Tarragona, La Laguna, Úbeda e Baeza.

Compartir: