AUDITORIO DE GALICIA

A Orquestra Sinfónica de Galicia interpreta obras de Satué, Elgar e Beethoven

14/02/2007 A Orquestra Sinfónica de Galicia, acompañada do pianista Alberto Nosè e baixo dirección de James Judd, actúa no Auditorio de Galicia o día 15 de febreiro ás 21:00 horas. Executarán un programa no que destacan dúas obras que son interpretadas por primeira vez pola orquestra: "Liñas de forza", de C. Satué e "Falstaf", op. 68", de E. Elgar, ademais do celebérrimo Concerto para piano núm. 5 en Mi bemol maior, op. 73 "Emperador", de L. v. Beethoven.

A Orquestra Sinfónica de Galicia, ben coñecida e admirada polos espectadores santiagueses, foi creada en 1992. Tras dez longos anos de música nos seus atrís e máis de media ducia de proxectos artísticos en marcha, é unha das agrupacións con maior proxección de España. Cada ano organiza a súa temporada de concertos, un ciclo de música de cámara, o Festival Mozart da Coruña e programas didácticos para todos.

James Judd, é director titular da Florida Philarmonic Orchestra e da New Zeeland Symphony Orchestra, e un dos directores de orquestra máis solicitados do mundo. Foi director asitente de Lorin Maazel na Cleveland Orchestra e volveu a Europa por pedimento de Claudio Abbado para traballar de director musical na European Community Youth Orchestra, da que é director artístico. Ten dirixido numerosas orquestras, entre elas as Filharmónicas de Berlín e Israel, a Sinfónica de Viena, a Gewandhaus de Leipzig, a Suisse Romande, a London Philarmonic e London Symphony, etc. Con el actuaron solistas como Gidon Kremer ou Ruggero Raimondi.

Alberto Nosè, ten gañados varios dos certames pianísticos internacionais máis importantes, coma o "Chopin" de Varsovia, o "Paloma O’ Shea" de Santander no 2005 e os de París, Venecia, Bolzano ou Helsinki. Ten actuado nos máis importantes e prestixiosos auditorios do mundo con orquestras como as Filharmónicas de Londres, Varsovia, Sinfónica de Madrid, e actúa formando dúo co chelista italiano Rocco Filippini e co cuarteto Ysaye.

Compartir: