CULTURA

"A cidade interpretada", convertida en catálogo

14/02/2007 O proxecto que durante o outono converteu a Santiago nun particular escenario de intervención artística trasládase agora ao papel. "A cidade interpretada" é a protagonista dunha nova publicación, que recolle as intervencións realizadas e todo o que as rodeou.

Os galegos Jorge Barbí e Carmen Nogueira, a holandesa Germaine Kruip, o eslovaco Roman Óndak, a eslovena Apolonija Sustersie, o escocés Nathan Coley, o austriaco Hans Schabus e o portugués André Guede trasladáronse á cidade para amosar a súa peculiar concepción da arte en distintos espazos da cidade. Tratábase de "conseguir que a xente vira Compostela tamén como escenario de intervención artística e que sorprendese", indicou o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, na presentación do catálogo.

Acompañaron a Rego nesta presentación a anterior xerente do Auditorio, Silvia Modia, quen lembrou que o proxecto invitou a "ver a cidade con outros ollos". Neste punto tamén incidiu o comisario da mostra, Pablo Fanego. "Foi un achegamento á complexidade do que hoxe é o espazo público, no que a obra de arte existe unicamente para o espectador", apuntou. Respecto á publicación, incidiu en que non só se centra nas propias obras, senón tamén en todo o que aconteceu arredor delas.

Finalmente, o xerente do Auditorio, Pablo Rodríguez, indicou que o proxecto aínda está aberto, posto que continúa a intervención de Apolonija Sustersic nas Hortas. Unha vez rematado este, porase en marcha en outono a do austríaco Hans Schabus no Paseo da Ferradura, que non puido realizarse en 2006 polas obras de acondicionamento nesta parte da Alameda.

Compartir: