EMPREGO

Santiago de Compostela acolle Talentia Summit 2019, o maior cume do talento e o emprego, do 21 ao 23 de outubro

20/09/2019 O luns 21 de outubro comeza Talentia Summit ’19, un gran encontro do talento e do emprego. Este evento pretende un referente a nivel galego respecto á xestión e o desenvolvemento do talento e o emprego. A capital de Galicia acollerá preto dun centenar de empresas punteiras e personalidades de relevancia, como a ministra de Economía e Empresa en funcións, Nadia Calviño.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presentou o Talentia Summit, evento que enmarcou na aspiración do Goberno municipal de "crear emprego cualificado e empresas no ámbito tecnolóxico e cultural". Así, falou da necesidade de "incrementar a base económica de Santiago" máis alá do ámbito turístico e de "transformar o alto nivel de coñecemento en tecido empresarial".

Acompañou o rexedor na presentación o técnico municipal responsable da área de Emprego, Xavier Ferreiro, quen destacou o salto cualitativo e cuantitativo que dá o evento este ano, co obxectivo de internacionalizalo xa en 2020. Sobre o programa, salientou os dous días de feira aberta, que será "non só un espazo de encontro entre empresas e posibles traballadores, senón tamén entre as empresas e provedores de servizos". Ademais, respecto á edición pasada, citou o incremento de postos de traballo ofertados (preto de 850), de empresas presentes (sobre 100) ou de certificados (máis de 25).

Traformación dixital
Nun mundo en constante cambio, o talento é e será a chave para definir e alcanzar os grandes retos da sociedade. Esta edición porá o foco en como afecta a transformación dixital ás persoas e tamén no compromiso social empresarial cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) acordados pola ONU no marco da Axenda 2030. Sobre este horizonte estará presente, como conferenciante no Foro Talentia, Federico Buyolo, director xeral da Oficina do Alto Comisionado para a Axenda 2030.

Durante tres xornadas (do 21 ao 23 de otubro), a clave do encontro será a potenciación do talento, reunindo e dando visibilidade ás organizacións e empresas máis comprometidas co desenvolvemento, a promoción e a retención do talento. Doutra banda, os/as participantes poderán presentarse ante os/as responsables de recrutamento de empresas, acreditarse mediante certificacións de competencias dixitais ou idiomas, e asistir a conferencias, obradoiros ou exposicións sobre a transformación dixital e outras moitas actividades para mellorar a súa capacidade de acadar un emprego.

Durante os próximos días daranse a coñecer moitos máis detalles e publicarase a completa oferta de actividades dispoñibles. O próximo luns 23 de setembro abrirase o prazo para reserva de prazas a través da web talentiasummit.com. Desnde a organización prevén superar as 3.500 persoas asistentes que participaron na edición do pasado ano, polo que avisan de que as prazas se completarán axiña.

ACTIVIDADES

Luns 21 de outubro: Foro Talentia. Auditorio de Galicia

Xornada de apertura de conferencias estratéxicas no Auditorio de Galicia, nun foro único para afondar no liderado e o desenvolvemento do talento nun mundo cada vez máis disruptivo, global e dixital, que este ano será presentado por Silvia Jato e contará con importantes conferenciantes como:

- Miguel Ángel Ruiz Ortega, brand strategy e innovation senior manager de Samsung España.
- Paul Tran, director de Recursos Humanos de Hijos de Rivera.
- Sonia Mulero, directora da Fundación Banc Sabadell.
- Federico Buyolo, director xeral da Oficina da Alta Comisionada da ONU para a Axenda 2030.
- José Luis Pérez-Pla, consultor director en Cegos, responsable da Escola de Excelencia Comercial de Telefónica.
- Javier Sivent, evanxelista tecnolóxico.
- Jaime de Nardiz Pérez, director de Diagnóstico Cultural de Great Place to Work.

Coa presenza das autoridades institucionais:
- Nadia Calviño, ministra de Economía e Empresa en funcións.
- Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia.
- Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago de Compostela.

Martes 22 e mércores 23 de outubro: Feira aberta e actividades para a potenciación do talento e o emprego. Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia

- Máis de 60 empresas con stand.
- Máis de 150 ofertas de emprego, con máis de 836 postos ofertados.
- 660 prazas ofertadas en accións formativas.
- 21 accións para a obtención de certificados oficiais, como probas de inglés de Oxford, Excel 2016, Adobe Photoshop, Scrum Manager, Unity ou Microsoft Azure, entre outras.

Direccións relacionadas



Compartir: