FESTAS

O Antroido chega a Santiago cunha gran variedade de actividades para todas as idades

13/02/2007 O concelleiro de Festas de Santiago, Xosé Baqueiro, presentou nun ambiente festivo o programa do Antroido 2007. No acto estivo acompañado do autor do meco, José Luis Méndez, por dúas das comparsas máis representativas da cidade, Os conformistas de Conxo e A Ruliña de Laraño e do propio meco, un dos protagonistas destes días que non podía faltar nesta presentación.

As festas comezarán o sábado, 17 de febreiro, con actividades para os máis pequenos dende a mañá. Será ás oito da tarde cando se produza o desfile do meco que sairá dende a praza de Cervantes ata chegar ao Toural, onde permanecerá ata o mércores, día 21. O pregón deste ano corre a cargo do grupo humorístico Mofa e Befa. Será ás 20:30 horas no Toural, e serán os encargados de dar a benvida a este Antroido 2007.

O domingo, 18 de febreiro, os protagonistas serán os nenos. A sala Capitol recibirá a todos os nenos que queiran acudir disfrazados. Haberá baile, concurso de disfraces, sorteos de regalos e entregaranse diversos premios para os nenos que estean mellor caracterizados, que van dende consolas, bicicletas ou equipos de música.

O luns, véspera do martes de Antroido, os adultos poderán disfrutar dun baile de máscaras na Sala Capitol. Todos os que queiran participar deberán ir disfrazados e recoller a súa entrada gratuíta nas oficinas do Teatro Principal.

O día grande destas festas será o martes de Antroido, que comezará coa concentración de carrozas, comparsas e charangas na estación de tren. Dende alí desfilarán polas rúas de Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo e Senra, para rematar na Avenida de Xoán Carlos I. Todos os que queiran participar no desfile poden anotarse na Concellaría de Festas ata as 14:00 horas do próximo luns, 19 de febreiro. Trala decisión do xurado, entregaranse os premios (pódense consultar as bases na páxina web do Concello: www.santiagodecompostela.gal).

Estes días festivos rematarán o mércores, onde a alegría dará paso á tristeza coa tradicional queima do meco. As comparsas e participantes do Antroido acompañarán ao meco dende a praza do Toural ata a praza Roxa, vestidos de rigoroso loito. A queima do meco simbolizará o remate destes cinco días de festas.

As comparsas, símbolos do Antroido compostelán

Na presentación do programa das festas, Xosé Baqueiro estivo acompañado por dous comparsas tradicionais de Santiago de Compostela. Os conformistas de Conxo levan xuntos desde o ano 1990 e forman parte deste grupo 35 persoas. Dende este ano alegran os carnavais da cidade cos seus instrumentos e cancións.

A Ruliña de Laraño xuntouse formalmente no ano 2000, aínda que xa dende 1992 participaban dos carnavais. Nas comparsas participan arredor de 40 persoas e levan traxes confeccionados por eles mesmos. Nos últimos anos, encárganse de abrir as festas do Antroido de Santiago e acompañan ao meco ata a súa queima, igual que fan Os conformistas de Conxo.

Para rematar, nun ambiente xa festivo e carnavaleiro, Baqueiro quixo convidar a todos os cidadáns a que participen das festas, deixen a un lado nestes días as dietas e gocen da gastronomía típica destas festas e que, ataviados cos seus disfraces, vivan estas festas onde, por unha vez ao ano, cada un pode escoller ser o personaxe que desexe. A festa comezou xa no Principal coas filloas e orellas que se ofreceron aos asistentes á rolda de prensa.

Compartir: