PROMOCIÓN ECONÓMICA

Compostela Activa creará aulas-taller de emprendemento nos centros de FP

13/02/2007 O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, presentou as actividades do programa Compostela Activa para o 2007, que tamén contempla a creación dunha nova modalidade no Concurso de novas ideas empresariais, destinada a titulados de FP. A iniciativa contará cun orzamento de 120.000 euros e integra todas as accións da Oficina de Promoción Económica relacionadas co apoio á cultura emprendedora e á creación de novas empresas.

Este ano Compostela Activa 2007 conta con dúas novidades: as aulas-taller de emprendemento e unha nova modalidade no Concurso de novas ideas empresariais, destinada a titulados de Formación Profesional. O obxectivo da Concellaría é fomentar a cultura emprendedora entre os estudantes e titulados de FP. Ademais increméntase nun 33% a contía dedicada ao Programa de incentivos a novas empresas, pasando de 30.000 a 40.000 euros.

No marco do programa Compostela Activa 2007 desenvolverase o Programa de incentivos para a creación de novas empresas en Santiago. Trátase dunha liña de axudas para empresas creadas no último ano. En 2006 beneficiáronse destas axudas 29 empresas.

Tamén se renova o Concurso de novas ideas empresariais. Establécense nove premios, por un importe global de 36.000 euros. A novidade son os galardóns para a categoría de ideas promovidas por titulados en Formación Profesional.

Xornada do Emprendedor

Un ano máis, celebrarase a Xornada do emprendedor, co fin de poñer en contacto aos emprendedores da área de Compostela cos diferentes recursos e mecanismos que ofrece a cidade, tanto de natureza formativa como financeira, empresarial, de cooperación, etc. Ao mesmo tempo aproveitaríase esta sinerxia para a captación de usuarios para os distintos programas de fomento do autoemprego que se levan a cabo desde a Oficina de Promoción Económica.

Na primeira Xornada do Emprendedor Compostelán, celebrada o 12 de decembro do 2006, participaron máis de 350 persoas e colaboraron 14 entidades públicas e privadas da área de Compostela.

Outro capítulo de Compostela Activa é o Programa de formación para emprendedores. Implantaranse actividades formativas complementarias ás que xa imparten outras entidades e institucións para evitar duplicidades, organizando cursos moi breves (10-20 horas), compatibles en horario coa actividade laboral e centrados en temas prácticos de xestión, venda e marketing.

Novidade

Unha das iniciativas novidosas desta edición é a creación de aulas-taller de emprendemento nos centros de formación profesional da cidade. As aulas-taller, que se configuran como un espazo aberto a formación e asesoramento de futuros emprendedores, terían un programa de actividades propio e contarían coa titorización dun axente de desenvolvemento local da Oficina de Promoción Económica, que visitaría cada centro de xeito regular.

Nestas aulas realizaranse sesións informativas sobre emprego e autoemprego. Logo porase en marcha a aula-taller propiamente dita, na que se identificarán ideas de negocio, faranse visitas a empresas senlleiras da cidade e levarase a cabo un programa de formación.

Compostela Activa tamén contará cunha intensa campaña de promoción. Está previsto realizar unha serie de presentacións en distintas institucións e foros: facultades, centros de formación profesional, asociacións profesionais. Ademais, enviarase a "Guía do Emprendedor", dípticos e carteis informativos a entidades e institucións da área de Compostela, indicándolles que poden conseguir a Guía no Servizo de Asesoramento a Emprendedores da Concellaría de Promoción Económica e Emprego.

Compartir: