SEGURIDADE E EDUCACIÓN

Os escolares aprenderán condutas responsables no novo Parque Infantil de Tráfico

13/02/2007 Máis de 60 escolares de primaria dos colexios Raíña Fabiola e Xuventude foron os primeiros en disfrutar do novo Parque Infantil de Tráfico, no recinto feiral de Amio. Nestas instalacións desenvolveranse ao longo do mes de febreiro diversas visitas didácticas, que permitirán aos escolares composteláns formarse en educación viaria.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado polos concelleiros de Seguridade Cidadá, Xosé Baqueiro, e de Educación, Elvira Cienfuegos, inaugurou o novo Parque e acompañou aos alumnos nas actividades programadas. Ademais das prácticas de simulación, os rapaces e as rapazas, divididos en grupos, recibiron as explicacións dos servizos básicos de seguridade (Policía Local, Policía Nacional, Bombeiros, Protección Civil, 061 e Cruz Vermella) e asistiron a sesións de video-foro.

O Parque Infantil de Tráfico conta cunha serie de vías, sinais e vehículos que permiten a os escolares simular unha serie de condutas e por en práctica os contidos aprendidos previamente: normas de circulación, sinalización ou normas de comportamento, entre outros. Para iso, son dirixidos por monitores de circulación, que supervisan cada práctica.

Con esta experiencia, incluída no Programa de seguridade viaria e na autoprotección "¿Onde está o perigo", pretende incorporar nos alumnos hábitos de seguridade e de colaboración na súa condición de peóns e de condutores de bicicletas e ciclomotores. Trátase, en definitiva, de que adquiran actitudes positivas ante as normas de convivencia cidadá, concretamente antes as que regulan a circulación.

Compartir: