XUNTA DE GOBERNO

Aberto o procedemento de licitación da rehabilitación do palacete da Finca do Espiño

02/09/2019 A Xunta de Goberno Local celebrada este luns aprobou a apertura do procedemento de adxudicación das obras de rehabilitación da Finca do Espiño para equipamento municipal, cultural e administrativo, cun tipo de licitación de 1.283.799,99 euros (IVE incluído).

Cómpre lembrar que o proxecto de rehabilitación do palacete da Finca do Espiño foi adaptado tras resolverse o contrato para a execución das obras, que fora adxudicado en 2015 en base a un proxecto que non se axustaba á realidade do estado do edificio.

As modificacións incorporadas ao proxecto teñen que ver co cumprimento da normativa vixente en materia de protección da estrutura contra o lume, ampliación da xestión dos residuos e mellora dos sistemas de arriostramentos das fachadas. Ademais acordouse simplificar o sistema de climatización previsto no edificio. A introdución das modificacións supuxo un incremento do custo duns 400.000 euros.

Tamén en materia urbanística, o Goberno municipal adxudicou o contrato das obras de reposición de legalidade nos números 9 e 11 da rúa de García Prieto, por un importe de 221.430 euros (IVE incluído).

Cafetería da Granxa do Xesto
Outro procedemento en proceso de licitación é o da explotación da cafetería da Granxa do Xesto. Neste caso, a Xunta de Goberno acordou deixar deserta a licitación iniciada pola XGL de 10 de maio, por falta da documentación técnica e económica esixida nos pregos nas propostas dos dous licitadores presentados. Ábrese un novo procedemento, formalizando invitación aos dous interesados, concedendo un prazo de 5 días hábiles para a presentación de ofertas.

Establécese un canon anual de 4.964 euros e unha concesión por un período de tres anos. A instalación debería ter un horario de 12:00 a 20:30 horas de marzo a setembro, e de 12:30 a 18:30 horas de outubro a febreiro.

Programas socioculturais
Ademais, abriuse a licitación do desenvolvemento de dous programas socioculturais: o de teatro comunitario, cun tipo de licitación de 32,125,5 euros (IVE incluído), e o de saúde, por 47.949,28 euros (IVE incluído).

Convenios deportivos
Finalmente, deuse conta da sinatura de varios convenios entre o Concello e entidades deportivas: con Special Olympics Galicia, por 2.500 euros; con El Correo Gallego, para o desenvolvemento da 42ª edición da Carreira Pedestre, por 12.000 euros; coa Federación Galega de Atletismo, para a 2ª Milla Urbana Portas de Compostela, por 10.000 euros; coa Federación Galega de Judo e Disciplinas Asociadas, para a Copa Infantil de Judo 2019, por 6.000 euros; e coa Federación Galega de Baloncesto, para a VI Jamboree de Clubs de Minibasquet 2019, por 10.000 euros.

Documentos relacionados



Compartir: