EDUCACIÓN

Aberta a inscrición no Programa Municipal de Conciliación de Verán para os días 9 e 10 de setembro

19/08/2019 Este luns, 19 de agosto, abriuse a inscrición para participar no Programa de Conciliación de Verán os días 9 e 10 de setembro, tras aprobarse a ampliación das actividades a estas dúas xornadas.

Despois da celebración na última semana de xuño e durante o mes de xullo, estaba previsto que o Programa de Conciliación funcionase tamén os días 2, 3, 4 5 e 6 de setembro, pero estendeuse esta quenda de setembro aos días 9 e 10, tanto no CEIP Vite I como no CEIP Monte dos Postes. Este cambio obedece á fixación pola Xunta do día 11 de setembro como data de inicio do curso 2019-2020 para o 2º Ciclo de Educación Infantil, Primara e Especial.

O prazo de inscrición e matrícula estará aberto entre o 19 e o 30 de agosto de 2019 (ambos os dous incluídos). Para participar no programa, as familias interesadas teñen que cubrir o impreso de matrícula e entregalo no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa Presidente Salvador Allende, 4). Durante o mes de agosto permanece pechado o Rexistro Auxiliar do Ensanche.

O Programa Municipal de Conciliación Escolas de Verán está dirixido a nenos e nenas que cursan estudos en centros de educación infantil e primaria, entre o 2º Ciclo de Educación Infantil e o 3º Ciclo de Educación Primaria de Santiago (ambos os dous inclusive). O horario máximo é de 7:45 a 16:00 horas. Hai un servizo de madrugadores (aula matinal) con almorzo de 7:45 a 9:00 horas, mentres que os obradoiros e actividades desenvólvense de 9:00 a 14:00 horas. A continuación, existe a opción de facer uso do servizo de comedor de 14:00 a 16:00 horas.

Os obxectivos do programa de conciliación pasan por promover actividades que favorezan a diversión, creando un ambiente lúdico; desenvolver a autonomía persoal no día a día; dar a coñecer diferentes actividades de lecer e tempo libre, promover actividades que favorezan o traballo en equipo e a creatividade; e coñecer o entorno que nos rodea.

Compartir: