MEDIO AMBIENTE

As nove empresas que concorren ao proceso de licitación da nova EDAR da Silvouta teñen ata o 30 de setembro para presentar as súas ofertas

30/07/2019 Hoxe comezou o proceso de licitación para a adxudicación da EDAR das Silvouta. As nove empresas que se presentaron á fase de concorrencia competitiva estiveron visitando as instalacións a primeira hora da mañá. Posteriormente, ao mediodía, mantiveron unha reunión con técnicos municipais e técnicos da Consellería de Medio Ambiente e de ACUAES, na que tamén estivo presente a directora xeral deste organismo, Rosa Cobo.

As empresas dispoñen de prazo ata o día 30 de setembro para presentar as súas propostas. Con posterioridade, nunha segunda fase, ACUAES preseleccionará catro das nove ofertas. A continuación, estas empresas deberán presentar un proxecto máis detallado no que se inclúa a tecnoloxía necesaria para o desenvolvemento da Silvouta.

Está previsto que, a mediados de 2020, se seleccione o proxecto definitivo. A partir de aí tramitarase a autorización ambiental correspondente por parte da Dirección Xeral de Biodiversidade e Calidade Ambiental do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Compartir: