ALCALDÍA

Santiago e Padrón, fieis á súa cita de irmandade nas festas do Apóstolo

30/07/2019 As festas do Apóstolo celebraron este martes o tradicional Día de Padrón en Santiago, no que as dúas vilas reforzan os seus fortes lazos de irmandade. Así sucede tamén, á inversa, na Pascua padronesa.

A Corporación compostelá recibiu a súa homónima padronesa na praza do Obradoiro, onde se produciu o intercambio de bastóns de mando entre os dous rexedores e os saúdos protocolarios. Logo, os/as representantes municipais de ambos os dous concellos dirixíronse á Casa do Concello.

Xa no salón nobre de Raxoi, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo e o rexedor padronés, Antonio Fernández Angueira, destacaron os 60 anos de tradición desta irmandade entre Compostela e Padrón.

Antonio Fernández Angueira solicitou o apoio do Concello compostelán na promoción da "Pedronía", ou o que é o mesmo, do Camiño de Santiago a Padrón. Actualmente, sinalou, estano tramitando, igual que a declaración de interese cultural da Ruta Rosaliana "con Santiago, Brión, Ames e outros concellos". O obxectivo, dixo, "é darlle un impulso todos xuntos". O rexedor padronés rematou o discurso convidando aos presentes á Festa do Pemento de Herbón, que se celebra o vindeiro sábado, e agradecendo o recibimento do Concello de Santiago.

Xosé Sánchez Bugallo destacou o proceso de "recuperación e expansión" das distintas rutas xacobeas, en "vésperas do Ano Santo do 2021", e sinalou "que hai que recoñecer que se o patrón está en Santiago é porque veu de Padrón". Afirmou que "estaremos encantados de colaborar en todo o que sexa posible" e apostou pola "posta en valor de Padrón como destino de peregrinos, porque estou seguro que o que sexa bo para Padrón, será bo para Santiago".

Tamén sinalou o rexedor que lle parece "moi interesante" a declaración de interese cultural da Ruta Rosaliana, e cre que se pode avanzar na "recuperación da presenza de Rosalía en Compostela. Citou o lugar onde estaba localizada a casa na que naceu, na contorna da praza de Vigo para "facer algo como inicio da Ruta Rosaliana".

Despois dos discursos, as dúas Corporacións saíron aos balcóns de Raxoi para escoitar as interpretacións das bandas municipais de música das dúas vilas.

Direccións relacionadas



Compartir: