ALCALDÍA

O alcalde recibe os nenos e nenas saharauís do programa Vacacións en Paz

29/07/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo recibiu, un ano máis, os/as menores que participan no programa Vacacións en Paz e as súas familias acolledoras. Tamén participaron no acto a concelleira de Educación, Noa Díaz; o edil de Relacións Institucionais, Sindo Guinarte; o voceiro do PP, Agustín Hernández; e as concelleiras do BNG Goretti Sanmartín e Navia Rivas.

Este ano, 11 nenos e nenas de entre 9 e 13 anos, pasarán dous meses en Compostela. Chegaron o 7 de xullo, e regresarán aos seus fogares o 7 de setembro. O Concello asume os gastos de desprazamento.

Nestes dous meses, os rapaces e rapazas conviven con familias de acollida, que se fan cargo dos gastos de alimentación, vestido e calquera outro derivado da súa estadía. Durante a súa estancia en Santiago, os/as pequenos/as saharauís son sometidos a revisións médicas.

Unhas mellores vacacións
O programa Vacacións en Paz trata de ofrecer a estes rapaces e rapazas, nados/as no medio da guerra e sometidos ás súas duras consecuencias, unha posibilidade de coñecer formas distintas de vida; con experiencias que contribúan á súa formación, a mellorar a comunicación e o entendemento entre os pobos, e a promover valores de solidariedade, grazas á cooperación das familias compostelás.

Este tipo de visitas son moi importantes para que eles/as desenvolvan unha concepción do mundo máis ampla e sólida, e para que adquiran uns marcos de referencia elementais e non mediatizados respecto a outros países, dentro do seu propio proceso de maduración persoal e sen prescindir da rica tradición do seu pobo. Ao mesmo tempo, preténdese favorecer a relación de familias de Santiago con rapaces e rapazas doutras culturas.

Compartir: