EDUCACIÓN

Aberto o prazo de reserva de obradoiros nas escolas infantís municipais

10/07/2019 Dende este luns e ata o 15 de xullo está aberto prazo de reserva dos obradoiros para o curso 2019-2020 nas escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños. As solicitudes de novo ingreso poderán presentarse do 17 ao 24 de xullo.

Estes obradoiros, dirixidos a nenos e nenas entre os 3 e os 8 anos, pretenden favorecer a conciliación familiar e laboral, ofrecendo aos nenos e nenas unha alternativa de lecer e tempo libre. Ofértanse 45 prazas, 15 por cada escola.

Os obradoiros desenvolveranse durante o curso escolar 2019-2020, de acordo co calendario escolar da Rede de Escolas Infantís Municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños, que pode consultarse en ditas escolas. Haberá obradoiros durante todo o curso escolar e tamén en vacacións (Nadal, Entroido e Semana Santa), se ben neste caso só se ofertarán prazas se non foran cubertas polos nenos/as matriculados para os talleres do curso escolar.

Durante o curso, os obradoiros celebraranse de 16:00 a 20:00 horas, mentres que, en vacacións, realizaranse de 10:00 a 14:00 horas. As familias poden ampliar este servizo co horario de almorzo (de 7:30 a 10:00 h); comedor (de 14:00 a 15:00 h) e horas a maiores.

Prezos
A matrícula anual ten un custo de 75 euros. Logo, os prezos mensuais dependerán do número de tardes: 2 tardes, 55 €; 3 tardes, 80 €; 4 tardes, 105 €; e 5 tardes, 125 €. Os días soltos teñen un prezo de 12 euros. En canto aos servizos complementarios, o comedor custa 75 € ao mes e 5 € os días soltos, mentres que o almorzo te un prezo de 30 €/mes e de 2 € cada día solto. A hora a maiores durante todo o mes custaría 15 €, sendo de 3 € o seu prezo en días soltos.

Solicitudes
As familias interesadas terán que cubrir e presentar o impreso de solicitude e entregalo no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende 4, Galeras) ou no Rexistro Auxiliar do Centro Sociocultural do Ensanche (rúa de Frei Rosendo Salvado, 14-16 Baixo), ou en calquera dos rexistros previstos no artigo 16 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das Administracións Públicas.

O impreso de solicitude está dispoñible, xunto coa información complementaria, nas escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños, no Departamento de Educación e Cidadanía (Edificio CERSIA, rúa do Alcalde Raimundo López Pol, s/n) e nesta web municipal.

Documentos relacionados



Compartir: