ALCALDÍA

O alcalde, honrado por exercer na Ofrenda "unha representación acorde coa cidade e co sentimento da maioría de cidadáns"

05/07/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, expresou en rolda de prensa o seu agradecemento á Casa Real pola Delegación Rexia para o día 25 de xullo. Xosé Sánchez Bugallo declarouse "moi honrado" por realizar por cuarta vez a Ofrenda, que desta vez se celebrará na igrexa do mosteiro de San Martiño Pinario, ao estar en obras o interior da Catedral.

Preguntado polo feito de que a cidade volva ter representación oficial na ofrenda do Apóstolo, o alcalde lembrou que se trata do acto institucional máis antigo de Galicia, que se mantén constante ao longo de catro séculos, organizado sempre polo Concello. En palabras de Sánchez Bugallo, "é un acto cívico-relixioso, a normalización dunha tradición que non se pode perder. É unha representación acorde coa cidade e co sentimento da maioría de cidadáns, independentemente das crenzas relixiosas de cada un".

EDAR
Sobre o proxecto de EDAR na Silvouta, lembrou que o próximo día 30 se reunirán en Santiago as empresas que se presentarán ao procedemento de diálogo competitivo e reiterou que "imos seguir impulsando o proxecto". Por iso, dixo, "pedín a máxima celeridade" nas conversas telefónicas mantidas esta semana co secretario de Estado de Medio Ambiente e coa presidenta de Acuaes.

"Unha vez que se resolva o proxecto entre as propostas presentadas, agardo que poidamos concretar un calendario, que será o máis rápido que se poida", explicou o rexedor. Ao respecto da posibilidade de pender os fondos europeos para esta infraestrutura, lembrou que "é un tema moi difícil, pero que dependerá da tramitación ambiental, de se pode ser simplificada ou normal". "En principio –apuntou- Acuaes entende que pode ser simplificado, pero ata que teñamos a proposta enriba da mesa non poderemos sabelo, xa que esta é unha decisión que ten que tomar a Dirección Xeral de Biodiversidade e Calidade Ambiental, do Ministerio para a Transición Ecolóxica, e non pode pronunciarse ata que teña o proxecto". "Esa sería a única forma que podería facer posible que, polos pelos, non perdéramos os fondos", concluíu.

Sede de Cidade Histórica
En relación á proposta de convenio coa USC para a cesión da Casa de Elisa e Jimena Fernández de la Vega, situada en Casas Reais, o rexedor explicou á prensa que a "mellorarán". Confirmou que xa informou á Asociación de Veciños Casco Histórico que a prioridade é a Concellaría de Cidade Histórica, a oficina municipal que ten que tramitar as licenzas e permisos da zona vella, e o Consello da Cidade Histórica. En calquera caso, indicou que a asociación veciñal terá un lugar para desenvolver a súa actividade, xa que "prorrogamos o contrato do local no que están ata o 31 de decembro, e despois buscaremos unha solución acaída para que teñan espazos adecuados".

Compartir: