ALCALDÍA

O alcalde participou na Asemblea Xeral do Grupo de Cidades Patrimonio

01/07/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, participou este luns en Alcalá de Henares na Asemblea Xeral do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade. Nesta primeira xuntanza do mandato 2019-2023, o rexedor compostelán recibiu a insginia como novo membro da Asemblea, xunto con outros seis alcaldes.

Á Asemblea asistiron os alcaldes e alcaldesas das 15 cidades membros desta entidade sen ánimo de lucro e declarada de Utilidade Pública que reúne as cidades españolas cuxos centros históricos foron inscritos na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO. Previamente, tivo lugar unha reunión da Comisión Executiva do Grupo, na que quedou constituído este órgano de dirección da rede, que quedou formado polas cidades de Eivissa/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna e Cuenca.

Forman parte da Asemblea de alcaldes e Alcaldesas: Javier Rodríguez Palacios, alcalde de Alcalá de Henares; Jesús Manuel Sánchez Cabrera, alcalde de Ávila; Dolores Marín Torres, alcaldesa de Baeza; Luís Salaya Julián, alcalde de Cáceres; José Maria Bellido Roche, alcalde de Córdoba; Darío Dolz Fernández, alcalde de Cuenca; Rafael Ruiz González, alcalde de Eivissa/Ibiza; Antonio Rodríguez Osuna, alcalde de Mérida; Carlos García Carbayo, alcalde de Salamanca; Luís Yeray Gutiérrez Pérez, alcalde de San Cristóbal de la Laguna; Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago de Compostela; Clara Luquero Nicolás, alcaldesa de Segovia, Pau Ricomá Vallhonrat, alcalde de Tarragona; Milagros Tolón Jaime, alcaldesa de Toledo; e Antonia Olivares Martínez, alcaldesa de Úbeda,

Dende hoxe e polo período dun ano, a presidencia da rede recae na cidade de Eivissa/Ibiza, sendo o seu alcalde, Rafael Ruiz González, o novo presidente do Grupo.

Primeiros retos
Entre os primeiros retos para este período figura a celebración da II edición de A Noite do Patrimonio o próximo 21 de setembro, un acontecemento cultural de primeira magnitude que se celebrará de forma simultánea nas 15 Cidades Patrimonio da Humanidade. Miles de persoas gozarán dunha noite máxica nas 15 cidades cun programa que incluirá Escena Patrimonio, con espectáculos de danza contemporánea e teatro en espazos patrimoniais; Aberto Patrimonio, a través do cal museos, palacios, igrexas e edificios públicos abrirán as súas portas en horarios especiais; e Vive Patrimonio, que incluirá actividades lúdicas e culturais nos centros históricos das 15 Cidades Patrimonio da Humanidade

Ademais, está previsto que Eivissa acolla este outono un encontro internacional organizado polo Grupo, no que participarán representantes de bens e asociacións de Patrimonio Mundial de Europa. Anunciábao a entidade nunha reunión levada a cabo en novembro de 2018 na que se aprobou o plan operativo para este ano.

Compartir: