EDUCACIÓN E PRESIDENCIA

Recepción ao alumnado de Baeza gañador do programa Aula de Patrimonio

20/06/2019 O edil de Presidencia e Relacións Institucionais, Sindo Guinarte, e a concelleira de Educación, Noa Díaz, recibiron esta mañá en Raxoi o alumnado do Colexio Filipense de Baeza, gañador da sexta edición do programa Aula de Patrimonio, organizado polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade.

O alumnado do Colexio Filipense de Baeza está en Santiago de Compostela para visitar a cidade e participar en diversas actividades. É o premio por ter gañado a edición 2018-2019 do programa pedagóxico Aula do Patrimonio. O colexio baezano obtivo o galardón, entre medio centenar de propostas recibidas, polo seu traball "Siente Baeza. Patrimonio Mundial más social y accesible para todos".

O premio consiste nunha viaxe para a clase gañadora a unha de las 15 Cidades Patrimonio da Humanidade, neste caso Santiago de Compostela, a cidade elixida polos seus alumnos e alumnas. Os gastos da viaxe do grupo (transporte, aloxamento e manutención) corren por conta do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Os colexios finalistas tamén reciben un recoñecemento en forma de vale trocable por material inventariable tecnolóxico por valor de 1.000 euros.

Aula de Patrimonio
Aula de Patrimonio, programa pedagóxico do Grupo, está destinado a estudantes das 15 cidades integrantes da rede: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

O obxectivo do programa, que nas súas edicións anteriores contou coa participación de preto de 2.500 alumnos/as, é que os mozos e mozas que viven e estudan nas Cidades Patrimonio coñezan e valoren no só a súa propia cidade, senón o resto de cidades que ostentan o mesmo título outorgado pola UNESCO, todo isto a través da realización de actividades didácticas en torno ao conxunto das 15 Cidades españolas Patrimonio da Humanidade e a participación, a modo de premio, nunha viaxe cultural a outra Cidade Patrimonio da súa elección.

Compartir: