CULTURA

Concerto extraordinario da Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia

09/02/2007 A Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia, acompañada da pianista Laia Masramon Vendrell e baixo a dirección de James Judd, ofrecerá un concerto o sábado 10, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia. A entrada é de balde.

O concerto da Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia acompañada da pianista Laia Masramon Vendrell e baixo a dirección de James Judd terá lugar o próximo día 10 de febreiro ás 21.00 h na sala do Auditorio de Galicia.

O programa inclúe Catro interludios marinos, op. 33a de B. Britten o Concerto para piano e orquestra núm. 21 en do maior, op. 64, KV 467 de W. A. Mozart e a Sinfonía núm. 8 en Sol maior, op. 88 de A. Dvoràk.

En pouco máis de dez anos a Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia (ONSG) permitiu a centos de mozos instrumentistas completar a súa formación musical participando en espectáculos operísticos e concertos sinfónicos, baixo o maxisterio de mestres como A. Zedda, V. Pablo Pérez, P. Rizzo, M. Gilbert, J. Ross ou J. Company entre outros. A OJSG participou como orquestra de foso no Festival Mozart da Coruña, -no que baixo a dirección de A. Zedda interpretou a ópera barroca Os amores de Apolo e Dafne- compartiu escenario coa Sinfónica de Galicia na Sinfonía nº 8 «dos mil» de G. Mahler e ofreceu concertos sinfónicos en Madrid, San Sebastián, Murcia, Valencia, León, Segovia, Jerez, Xavea e Concentaina. Convertida xa nun dos proxectos educativos máis orixinais do panorama musical español, a ONSG supón unha das poucas posibilidades reais de achegar aos futuros profesionais á práctica do seu instrumento no seo dunha orquestra sinfónica. O seu repertorio vai desde a música barroca ata os nosos días.

James Judd é director titular da Florida Philarmonic Orchestra e da New Zeeland Symphony Orchestra, ademáis de un dos directores de orquestra máis solicitados do mundo. Foi director asitente de Lorin Maazel na Cleveland Orchestra e volveu a Europa por pedimento de C. Abbado para traballar de director musical na European Community Youth Orchestra da que é director artístico. Ten dirixido numerosas orquestras, entre elas as Filharmónicas de Berlín e Israel, a Sinfónica de Viena, a Gewandhaus de Leipzig, a Suisse Romande, a London Philarmonic e London Symphony, etc. Con el actuaron solistas como Gidon Kremer ou Ruggero Raimondi.

Laia Masramon Vendrell, completou a súa formación superior como pianista en Barcelona cos profesores Carles Julià e Ramon Coll e recibiu clases de Alicia de Larrocha. Estudou na Escuela Reina Sofía de Madrid. Asistiu a clases maxistrais de Krystian Zimerman, András Schiff, Paul Badura-Skoda, etc.
Con sólo quince anos Lawrence Foster seleccionouna como solista para a temporada da Orquesta Sinfónica de Barcelona. Dous anos máis tarde presentouse no Palau da Música Catalana.
Actuou ca orquesta francesa Ensemble Musikè e a Orquesta Filarmónica de Praga entre outras, e con directores como H. Graf, J. Hrusa, J. Hirokami, P. Csába, J. B. Pommier, E. Colomer, J. Mora e F. Guillén en auditorios de España, Portugal, Francia, Inglaterra, Bélxica, Túnez e Colombia.

Entrada de balde.

Compartir: