ACCIÓN CULTURAL

Fukio Saxophonquartett chega este martes ás Xornadas de Música Contemporánea

17/06/2019 As Xornadas de Música Contemporánea continúan ofrecendo na cidade diversas propostas dentro da música de culto e vangarda. Xa van aló cinco propostas musicais e quedan outras tantas ata a súa clausura o vindeiro 27 de xuño. Mañá martes, 18 de xuño, chega o día do Fukio Saxophonquartett: a primeira hora, 16:30 h, impartirán unha clase maxistral a todas as persoas que o desexen, ata completar aforo, no Conservatorio Profesional de Música; e a partir das 20:30 h, ofrecen un concerto no Centro Galego de Arte Contemporánea.

Joaquín Sáez Belmonte, José Manuel Bañuls Marcos, Xabier Casal Ares e Xavier Larsson Paez ofrecen un programa que inclúe a estrea en España de Diez sinfonías, de Gordon Kampe; Madonna del Prato, de Lisa Streich; e So be it, de Thierry Tidrow. Ademais, tamén poderemos gozar da estrea absoluta de (White) Planes in dissolution, de Camilo Andrés Méndez San Juan, e da interpretación de Saxophonquartett, de Georg Friedrich Haas. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.

Considerado un dos grupos más novos e con máis proxección en Europa. Dende a súa fundación en 2007, Fukio adícase á exploración da música de cámara para cuarteto de saxofóns. Fukio Ensemble actúa en importantes salas de Alemaña, Reino Unido, China e España así como en numerosos festivais como o Hudersfield Contemporary Music Festival en Reino Unido, IMPULS en Austria, Spitzentöne e Romanisches Sommerfestival en Colonia, Mallorca Saxophone Festival, Freunde Junge Musiker en Frankfurt e Düsseldorf, Festival Monteleón e Young Euro Classics en Berlín, entre outros.

O cuarteto Fukio é bolseiro da fundación Werner Richard–Dr. Carl Dörken. Participou en concursos de música de cámara nacionais e internacionais, sendo galardoados no Concurso Permanente de Juventudes Musicales de España, o Concurso Internacional Yamaha en Madrid, o Gianni Bergamo Classic Music Award de Lugano; a medalla de ouro no concurso UGDA de Luxembourg, os primeiros premio no Felix Mendelssohn-Bartholdy Hochschulwettbewerb, no Coop Music Awards en Milán, no Karlsruher Wettbewerb für die Interpretation Neue Musik e na 20º International Chamber Music Competition de Illzach. En 2016, a WDR, Ars Produktion e a Förderer der Hochschule für Musik und Tanz Köln, outorga a Fukio Ensemble o galardón ao grupo revelación "Taste the Best", sendo premiado co total respaldo para a gravación do seu segundo CD, Time in Motion.

O encargo de novas pezas e o labor pedagóxico son dous pilares centrais nas actividades do cuarteto levando a cabo obradoiros na UEA (Universidade East Anglia) e o Encontro Galego do Saxofon. Fukio está especializado cun mestrado en música de cámara contemporánea pola Hochschule für Musik und Tanz de Colonia no aula do Prof. David Smeyers e supervisados polo Cuarteto Casals. Realizou un programa de estudos Erasmus de música de cámara no Conservatoire National Supérieur de Musique et de Danse de Paris co Prof. László Hadady.

Direccións relacionadas



Compartir: