XUNTA DE GOBERNO

Abre o prazo para a solicitude de uso das novas hortas urbanas de Campo das Hortas

07/06/2019 A Xunta de Goberno acordou hoxe abrir o prazo para solicitar a concesión de uso das hortas urbanas do Campo das Hortas. O trámite poderase realizar do 10 ao 21 de xuño.

No Campo das Hortas acondicionáronse 53 hortas, cunha superficie media de 60 metros cadrados e cunha extensión total de 4.112 metros cadrados. A posta en marcha das hortas urbanas foi posible despois do acordo acadado co propiedade dos terreos, algo que se viña intentando desde o ano 2008.

Como acontece nas outras hortas urbanas, terán preferencia na adxudicación as persoas xubiladas ou prexubiladas do barrio. Se hai máis espazos que demanda, poderán ser adxudicatarias, por esta orde, as persoas veciñas do barrio e da contorna, e as persoas veciñas de calquera outro barrio de Santiago. A concesión faise por un prazo de dous anos, que pode ser prorrogado ata un máximo de catro anos.

Tamén hoxe, a Xunta de Goberno acordou revogar as actuais autorizacións de uso das hortas municipais de Belvís de Abaixo e abrir o prazo para formular as solicitudes de nova concesión de uso, tamén dende o 10 ata o 21 de xuño.

Case 300 hortas urbanas
Santiago conta xa con preto de 300 hortas urbanas repartidas en sete áreas. As primeiras, en 2008, foron as de Belvís de Arriba, con 30 parcelas, ás que lle seguiron dous anos despois as 26 parcelas de Belvís de Abaixo. Posteriormente, acondicionáronse as 39 hortas de Fontiñas, e en 2016 puxéronse en marcha as hortas da Almáciga, con 32 parcelas; Caramoniña, con 21; e Brañas do Sar, con 54 parcelas. A todas elas sumáronse as 38 hortas urbanas de Santa Marta e as 53 de Campo das Hortas.

Documentos relacionados



Compartir: