CENTROS CÍVICOS

A XI edición do Festival BateBatuke leva a batucada ás rúas da cidade

29/05/2019 Dende o 31 de maio ata o 2 de xuño, Compostela convértese no escenario do festival de percusión afro-brasileira BateBatuke, que organiza a asociación cultural Trópico de Grelos en colaboración co Concello de Santiago. A concelleira de Centros Cívicos, Concha Fernández, presentou hoxe a actividade, que "este ano ten o atractivo engadido de coincidir coas festas da Ascensión, e de chegar por vez primeira ao Ensanche". Na rolda de prensa tamén participaron Julia Sueiro, Andrés Rivero e Miguel Acuña, de Trópico de Grelos.

O BateBatuke é unha das iniciativas levadas a cabo pola Asociación Cultural Trópico de Grelos, aproveitando o final de curso da súa escola de percusión, a Escola Prucupá. Tal e como explicou Andrés Rivero, "esta iniciativa naceu como festival de fin de curso e acabou índosenos das mans, tanto que este ano xuntaremos a centos de persoas nas actividades que teremos por toda a cidade". O representante de Trópico de Grelos incidiu en que "o festival leva once anos mostrándolle a nosa actividade á veciñanza, buscando a unión das diferentes batucadas do país, e converténdose nun referente dentro do xénero".

Actividades en toda a cidade
A principal novidade desta edición do BateBatuke será o concerto que abrirá o festival polas rúas do Ensanche, o venres 31 de maio, a partir das 18:30 horas. O desfile partirá da praza de Puente Castro e chegará á praza Roxa, a cargo da batucada Sambiosis, chegada dende Granada. O concerto será posible grazas á colaboración do Concello de Santiago e á implicación da Asociación Veciñal do Ensanche Raigame.

A xornada do sábado 1 de xuño estará centrada nos obradoiros de formación, no antigo colexio Ramón Cabanillas do Castiñeiriño. Julia Sueiro explicou que, este ano, a formación corre a cargo de Huberto Morales, músico de recoñecida traxectoria, actual endorser en Timbra Percussion e director artístico de proxectos como Escola Fortaleza.

Na tarde do sábado haberá unha chea de actividades e espectáculos presentados polo artista de circo Isla Le Triska, quen dará paso á mostra do alumnado da Escola Prucupá de Trópico de Grelos, a actuación de Escola Fortaleza e o Bloquinho Aperta (Vigo). Intercalando estas actuacións, o festival contará coa presencia de As Sircópatas e a súa proposta de circo, así como xogos infantís para o público máis pequeno. Pola noite, a festa tropical continúa con máis programación musical en directo, este ano con concertos a ritmo de rock e funk con Radio Zappa e FUME, actuación da batucada Sambiosis (Granada) e, para rematar, unha sesión Dj a cargo de Maracumango.

O domingo 2 de xuño, o festival culmina cun gran pasarrúas que este ano forma parte da programación das festas da Ascensión, dende a praza de Praterías ás 13:30 h ata a praza do Toural. No desfile participan os/as asistentes ao obradoiro do sábado, enchendo as rúas de Compostela de ritmo música e ledicia.

Direccións relacionadas



Compartir: