FESTAS

O concerto "Los40 Pop", cita principal da primeira xornada da Ascensión

28/05/2019 Compostela vive dende mañá mércores as festas da Ascensión, que este ano se celebran do 29 de maio ao 2 de xuño. Durante estes cinco días de festas haberá ata oito grandes concertos, propostas diversas para público familiar e as citas xa tradicionais destas datas.

O disparo de bombas ás 12:00 horas deste mércores anunciará o inicio das festas da Ascensión e dará paso ao tradicional desfile de cabezudos polas rúas do casco histórico. Xa pola noite, ás 21:30 horas, terá lugar na praza da Quintana o primeiro dos grandes concertos do programa, Los40 Pop, coa participación de Roi Méndez, Ana Guerra, Nill Moliner, Ana Mena, Carlos Right e Dani Fernández. O espectáculo, con entrada de balde ata completar aforo, estará conducido polo coñecido Tony Aguilar.

O calendario musical deste mércores inclúe tamén un concerto no Toural no marco do programa Artellando. Así, ás 23:00 horas, Davide Salvado presentará o seu novo espectáculo, Amarelo. Nel, o artista reinterpreta, dende a óptica contemporánea, cancións tradicionais galegas e doutras partes do mundo, acompañadas dos textos do escritor, guionista e actor Manolo Cortés. No concerto, Davide Salvado estará acompañado por Pedro Pascual e Pablo Pascual.

A programación do día complétase coa música da orquestra Claxon no paseo central da Alameda (23:00 horas) e co espectáculo de danza contemporánea de Lali Ayguadé na praza de San Martiño Pinario (20:30 horas).

Concertos da Quintana
O de Los40 Pop é o primeiro dos catro grandes concertos previstos na praza da Quintana. Así, o xoves 20, día grande da Ascensión, celebrarase un grande espectáculo ao redor da figura de "Lorca namorado", que xuntará no escenario a Salvador Sobral, Abe Rábade, Kike Morente, Arcangel, Marcelo DoBode, Davide Salvado e Susana Seivane, entre outros artistas. Trátase dun proxecto ideado e dirixido por Abe Rábade, que se inspirou nos "Seis poemas galegos" de Lorca.

Susana Seivane repetirá na Quintana o venres 31 de maio, noutro concerto no que estará acompañada por Baiuca Live Band, o novo proxecto musical de Alejandro Guillán, que xunta os sons tradicionais galegos coa música electrónica. Xa o sábado 1 de xuño, celebrarase o último gran concerto da praza da Quintana na Ascensión de 2019, con Novedades Carminha.

Artellando
Aos concertos da Quintana engádense os catro que se van celebrar na praza do Toural, dentro do programa Artellando na noite. Despois do espectáculo de Davide Salvado, o xoves 30 tomarán o relevo Germán Díaz e Benxamín Otero, que presentarán o seu traballo Trece cancións bonitas, e o venres 31 será a quenda de Najla Shami. A cantora e compositora nacida en Compostela, pero filla tamén da cultura palestina, presentará o seu novo traballo discográfico, Ela sabe a sol. O ciclo Artellando na Noite pecharase o sábado 1 de xuño co concerto ofrecido por De Mar a Mar, o grupo formado por Víctor Muñiz, Blanca Paloma, Wafir Gibril e Vicente Molino que fusiona a canción popular mediterránea co flamenco e cos sons latinoamericanos.

Boa parte das propostas da Ascensión están vinculadas ao programa Artellando, que desta vez se deseñou en torno a catro apartados: Artellando no vermú, Artellando na tarde, o mencionado Artellando na noite e A Festa no Teatro Principal.

O Artellando no vermú desenvolverase na praza de Cervantes. Están previstos dous concertos infantís, o xoves 30 de maio e o domingo 2 de xuño, con Martiña Soñadora e Sira e o Robot. Ambos serán ás 12:30 horas. Ás 13:00 horas están previstas as actuacións de Brassica Rapa, o 30 de maio; Zeltia, o 31; Xoana, o 1 de xuño, e Chicharrón, o domingo 2 de xuño.

O Artellando na tarde trae tres propostas a outros tres escenarios da cidade. Ademais da danza de Laly Ayguadé deste mércores, a praza Roxa acollerá o xoves 30 a compañía brasileira Circo no Ato, que presentará o seu espectáculo A salto alto. O venres 31 será o día do Swing na Ascensión, en colaboración coa Asociación Compostela Swing. A actividade desenvolverase na praza de Cervantes dende as 18:30 horas, primeiro cun obradoiro para iniciar no baile a todas as persoas que o desexen, e despois cun concerto de The Sar Swing Quartet, a partir das 20:30 horas.

A Festa no Principal
Pensada para o público familiar, o programa Artellando inclúe A Festa no Teatro Principal, que se celebrará o sábado 1 de xuño. A xornada arrincará, ás 11:30 horas, cunha sesión de microespectáculos na que participarán Pérez&Fernández, Yolanda Castaño, Servando Barreiro e Inacio Vilariño. Ás 13:00 horas tomará o relevo a música e pedagoga Lydia Botana, que está a presentar o seu primeiro disco, Vuela.

Pola tarde, a festa continuará no Principal cunha nova sesión de microespectáculos, desta vez coa participación de Anxo Moure, Xarope Tulú, Saleta Fernández e Fani Triana. Pechará a xornada Charo Pita co seu espectáculo No país do vento.

Todas as actividades da Festa no Principal son de balde, pero no caso das sesións de microespectáculos é preciso retirar as entradas, que están dispoñibles na billeteira do Teatro.

A Ascensión das tradicións
No programa da Ascensión non faltan as citas máis tradicionais destas festas, como a Feira Cabalar que se celebrará o xoves 30; o Trofeo de Chave, as orquestras da Alameda ou a Festa dos Maiores, que cumprirá xa 22 edicións.

Haberá tamén, o xoves 30, a xornada de Folk na Rúa, coas actuacións das agrupacións Brincadeira, Colexiata do Sar, Cantigas e Agarimos e Ultreia polas prazas da cidade vella, antes de ofrecer unha actuación conxunta na Acibechería, a partir das 20:00 horas. Na última xornada das festas, o domingo 2 de xuño, tomarán o relevo as corais, cunha actuación nas Praterías na que participarán as formacións Amigos de Compostela, Coto da Nai, Hermano Gómez, La Salle, Santa Susana, Ponte Mantible, Xúbilo e Cantorum Compostellana Coniunctio.

O programa da Ascensión complétase cun concerto da Banda Municipal de Música acompañado polo grupo de percusión Odaiko, baixo o lema "Vaia Banda", o xoves 30 na praza das Praterías; e con dúas sesións de batucada na rúa: a primeira o venres 31, dende a praza de Puente Castro ata a praza Roxa; e a outra o domingo 2, cunha ruada dende Praterías ata ao Toural, na que participarán 120 percusionistas chegados de toda a Península ibérica.

Compartir: