DEPORTE

Máis de 400 nenos e nenas participan o sábado en San Lázaro na concentración de escolas de rugby da Federación Galega

23/05/2019 O Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro acolle este sábado a concentración de escolas de rugby da Federación Galega deste deporte, na que participarán máis de 400 nenos e nenas de diversos clubs de Galicia. Na rolda estiveron a concelleira de Deporte, Noa Morales; a presidenta da Asociación Valentes-Club Deportivo Lobos, Beatriz Álvarez Germil, e o adestrador e director da Escola de Rugby da Asociación, Álvaro Caride.

Este ano, o espazo vai estar dividido entre os campos de sub-12, que estarán nunha zona habilitada no exterior do estadio, e o resto (sub-6, sub-8 e sub-10), que se repartirán o campo do interior. A concentración comezará ás 10:00 e rematará ás 14:15 horas co tradicional "terceiro tempo". Os partidos iniciaranse a partir das 11:00 horas.

Na categoría sub-6 participarán os clubs Vigo RC Azul, REC Lobos RC & Ferrol, Muralla RC, Crat Negro, Crat Azul e dous combinados: un formado por Vigo RC Blanco e Pontevedra RC e outro formado por Os Ingleses RC, Campus Ourense R, CR Coreti Lalín e Fendetestas RC. En total serán 55 xogadores e xogadoras.

A categoría sub-8 contará cun total de 102 nenos e nenas dos equipos Crat, Vigo Azul, REC Lobos RC & Ferrol, Muralla Verde, Pontevedra RC, Vigo Blanco e tres combinados: un formado por Os Ingleses RC e CR Coreti Lalín, outro por Fendetestas RC e CRAV, e outro por Muralla RC Negro e Campus Ourense R.

Na categoría sub-10, os participantes serán Pontevedra RC, Fendetestas RC, Vigo RC, REC Lobos RC, Muralla RC, Crat, Os Ingleses RC e dous combinados: un formado por CR Coreti Lalín e CRAV e outro por CR Ferrol e Campus Ourense R. En total participan 120 xogadores e xogadoras.

Finalmente, na categoría sub-12, os equipos participantes son Pontevedra RC, Vigo RC, Os Ingleses RC, Crat, Muralla e tres combinados: un formado por CR Ferrol e REC Lobos RC, outro por CRAV e Fendetestas RC e o último por CR Coreti Lallín, Axterix RC e Campus Ourense R, cun total de 127 nenos e nenas.

A concentración está organizada pola Asociación Valentes, o Club deportivo Lobos e o clúster Rugby en Compostela. Noa Morales sinalou que "é un pracer que deportes minoritarios coma o rugby se dean a coñecer entre a poboación", ao mesmo tempo que lembrou "os valores deste deporte, como o traballo en equipo, o compañeirismo ou o respecto, tanto polos rivais como polos árbitros, e que conta co famoso terceiro tempo, amosando que as rivalidades quedan no campo".

Clúster Rugby en Compostela
Noa Morales fixo fincapé nas distintas "accións conxuntas que dende os concellos de Teo e Santiago se están a facer cos clubs, como por exemplo hai dous anos cando se creou o Clúster Rugby en Compostela", un proxecto que xurdiu da iniciativa de tres asociacións con varios obxectivos comúns: ofertar rugby na comarca de Compostela cos mellores medios materiais e humanos posibles, educar nos valores deste deporte, identificar a todos os xogadores de rugby da comarca cunha mesma imaxe e cubrir todas as etapas na vida dun deportista baixo un mesmo paraugas, de maneira que se poida practicar este deporte dende os 4 anos ata calquera idade.

Compartir: