TURISMO

O recinto feiral de Amio acolle durante a fin de semana o IV Salón do Vehículo de Ocasión

23/05/2019 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, deu conta hoxe da cuarta edición do Salón do Vehículo de Ocasión, que terá lugar entre os días 24 e 26 de maio no recinto feiral de Amio. Na rolda estivo acompañada da xerenta do Palacio de Congresos, Belén Montero, e do organizador do evento, Fabián Saavedra.

Trátase dun evento organizado por Dolecer Eventos-Motor no que "se darán cita os concesionarios oficiais e as compravendas máis relevantes de Santiago e comarca, cun gran stock de vehículos de ocasión e KM0 totalmente garantidos e con descontos especiais que poden chegar aos 6.000 euros", indicou a concelleira.

Nun só punto poderase encontrar o vehículo ideal para cada persoa entre máis de 700 turismos e vehículos comerciais que traerán os máis de 20 expositores, formando 16.000 metros cadrados de exposición. Haberá tamén unha zona infantil con inchables e pintacaras para que os máis pequenos e pequenas poidan pasalo tamén en grande no Salón.

A principal novidade desta edición é que se contará coa presenza de Iván Ares (campión galego e de España de Rallys) e o seu Hyundai i20 R5, co que vai liderando o Campionato de España de Rallys de Asfalto.

A entrada terá un custo de 3 euros, sendo gratuíta para os rapaces e rapazas ata os 13 anos. O horario será de 11:00 a 20:30 horas tanto o venres 24 coma o sábado 25 e o domingo 26 de maio.

Compartir: